A Sociedade Jules Verne de Vigo (SJVV), asociación cultural fundada no ano 2012, presentou este mércores na Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO) a primeira tradución ao galego da obra de Verne ‘Unha fantasía do doutor Ox’, nunha edición conxunta e sen ánimo de lucro publicada en colaboración coa Sociedad Hispánica Jules Verne e o seu selo editorial ‘Ediciones Paganel’.
A tradución é obra de Tamara Aymerich Correa, quen asumiu o reto de abordar este relato a partir da versión orixinal en francés de Verne de 1872, nunca antes traducida ao galego, e que só contaba cunha versión en castelán, publicada no século XIX, completamente adulterada con respecto ao orixinal.
‘Unha fantasía do doutor Ox’ é unha das historias máis singulares de Jules Verne (1928-1905) e agora os lectores poden por fin desfrutar en galego por primeira vez dunha obra que tivo enorme repercusión nos medios de comunicación entre todas as historias vernianas, malia que poida ser hoxe menos coñecida polo gran público. O texto clásico utilizado é a edición francesa orixinal de 1872 do Musée de Familles e a publicada por Hetzel en 1874.
O volume que hoxe foi presentado é froito da colaboración coa Sociedade Hispánica Jules Verne, organización internacional coa que a Sociedade Jules Verne de Vigo mantén proxectos conxuntos e lazos culturais moi estreitos, no seu obxectivo común de poñer en valor a obra de Verne e, no caso vigués, a súa relación coa cidade que visitou dúas veces, en 1878 e 1884, ademais de traer ao xa mítico submarino ‘Nautilus’ do capitán Nemo ata esta ría nun capítulo da súa obra ’20.000 leguas baixo dos mares’.
A Sociedade Jules Verne de Vigo fará entrega nos vindeiros días de exemplares de ‘Unha fantasía do Doutor Ox’ nas bibliotecas públicas Juan Compañel e Xosé Neira Vilas, da nosa cidade, como doazón para que poidan ser de pública consulta. O mesmo fixo esta sociedade coa Edición Facísimile do capítulo ‘A baía de Vigo’, editado pola SJVV no ano 2019 cando se cumprían 150 anos da súa publicación orixinal no Magasin de Education et de Recreation en 1869. Ademais, a SJVV entregou un exemplar desta Edición Facsímile para as bibliotecas de todos os institutos de Vigo e os centros educativos que o solicitaron.
A autora da tradución do ‘Doutor Ox’, Tamara Aymerich Correa, é doutoranda no grupo de Tradución e Paratradución da Universidade de Vigo e Mestrado en Profesorado de Secundaria e Bacharelato. A parte da súa actividade académica, exerce profesionalmente de tradutora e intérprete. Entre as súas traducións publicadas atópanse: ‘O mago de O’ e ‘Drácula’, publicados por Baia, La niñita de la vocecita, Textos seleccionados, Horas contadas, Fuerzas Opuestas e Los invasores de Marte.
‘Unha fantasía do doutor Ox’ pode adquirirse na Libraría Versus (rúa Venezuela’) ou contactando coa Sociedade Jules Verne de Vigo na súa web www.vigoverne.com