‘Un lugar afastado’ é o terceiro título da serie VICVS que o autor vigués Beto Luaces iniciou no ano 2017 con ‘Un lugar do común’ e á que seguiría en 2019 ‘Un lugar aquelado’. O éxito desta proposta que a crítica deu en incluír no chamado ‘noir vigués’, quedou de manifesto desde o primeiro título, que se converteu no libro máis prestado na Biblioteca Pública de Vigo no ano 2018, por riba de ‘Patria’ de Fernando Aramburu.
Un éxito que se repetiría ao ano seguinte cando ocupou o segundo posto dos libros máis prestados na biblioteca e que se estende ás vendas, xa que este ano encabezou en varias ocasións a lista de libros en galego máis vendidos en Vigo. Actualmente vai xa pola súa terceira edición, mentres que ‘Un lugar aquelado’ está xa na segunda.
Nesta última entrega da triloxía Beto Luaces volve botar man dun feito real, a historia de Alfonso Graña, rei dos xíbaros, para construír unha historia que leva o lector ata acontecementos tan actuais como a corrupción urbanística ou a estafa das preferentes. E todo a través duns terribles crimes que, unha vez máis, volven unir Vigo e O Suído nunha vibrante trama que deberán resolver o detective Manuel Peixoto, protagonista xa da segunda novela, e a súa parella, coa que acaba de formar unha familia. Deste xeito, o autor tece unha historia paralela sobre a maternidade, a paternidade e a conciliación familiar nos tempos actuais.
‘Un lugar afastado’ recupera estas premisas nunha trama na que toma protagonismo un dos personaxes máis fascinantes da historia de Galicia: un veciño de Avión que, como tantos da zona, emigrou a América en busca de fortuna e chegou a converterse no rei Afonso I da Amazonia tras morrer o xefe da tribo con cuxa filla casara. Unha tribo coñecida por practicar un costume tan feroz e macabro como é redución de cabezas.
E isto é precisamente o que atopan uns sendeiristas na casa natal de Alfonso Graña en plena serra do Suído durante o Nadal do ano 2014. Unha pequena cabeza que porá sobre a mesa moitos dos desmáns e corruptelas acontecidos nos últimos anos na nosa contorna… temas ben recoñecibles para o lector que, sen dúbida, non poderá permanecer alleo á trama.
Aínda que de forma accesoria, volve a estar presente o tema da emigración, que o autor retratou maxistralmente no primeiro título, e toma aínda máis protagonismo a enigmática serra do Suído, un territorio de enorme potencial literario que nunca antes fora levado á ficción. Malia todo, Vigo segue a erixirse como escenario principal da trama, tanto por ser o lugar de residencia dos protagonistas como pola especial relación que mantén a narración co espazo urbano. Para situar os escenarios da trama, este terceiro libro inclúe dous mapas, un do Suído e outro da cidade de Vigo, cos principais lugares onde transcorre a historia.
O Suído e o Amazonas, lugares ‘afastados’ que Beto Luaces é quen de unir neste terceiro título de VICVS, a triloxía que crítica e lectores converteron nun dos fenómenos literarios dos últimos anos e que xa está dispoñible nas librarías galegas.