A crise do coronavirus e o confinamento decretado polo Estado de Alarma o 14 de marzo supuxo un golpe moi importante para unha industria como a do libro. Conversamos o pasado 6 de maio con Francisco Castro (Vigo, 1966), director xeral de Editorial Galaxia e autor de novelas como Tantos anos de silencio, Iridium ou Chamádeme Simbad.
E conversamos, como non pode ser doutra maneira nestes tempos incertos, sobre os efectos do coronavirus na actual tempada literaria e sobre o futuro do sector do libro en xeral, en Galicia e na contorna da nosa cidade.
–Supoño que é case unha pregunta retórica preguntarlle ao director dunha editorial sobre o golpe inicial que supuxo a crise do COVID-19 para o sector literario, en pleno mes de marzo…
-O golpe é apocalíptico, se hai que buscarlle un adxectivo. É a peor situación, no pesadelo máis difícil non chegaríamos a imaxinalo. Levamos dende mediados de marzo con librerías e colexios pechados e o noso mercado son as librerías e o ensino. E estamos a primeiros de maio, así pois levamos dous meses sen ingresar literalmente un céntimo, e gastando. O plan de edición saltou polos aires, os libros de abril e maio non están feitos.
Ademais como dis, o problema das datas: se isto sucede en xaneiro, igual se notaba menos, pero agora perdemos o Día do Libro que sempre supón unha facturación grandísima, e perdemos a campaña do Día das Letras Galegas. Aínda que o Día das Letras Galegas se pasará por parte da Academia a outubro obviamente non vai ser o mesmo, a xente ten interiorizado maio como un mes de festa literaria.
O golpe é brutal, as empresas editoriais, todas, tiveron que caer nun ERTE. E agora intentamos imaxinarnos o futuro pero o futuro tamén pinta feo. Non sabemos como vai reaccionar o público lector, as librerías poden abrir pero mantendo as distancias de seguridade entre os clientes… iso fai que moitas librerías que son negocios familiares en Galicia soamente podan ter un cliente de cada vez. Eu vexo dende a fiestra un supermercado con xente facendo cola na entrada, colas na panadería, pero a xente fai cola nunha librería? Na librería mercábamos porque folleábamos, mirábamos páxinas… obviamente entendemos que o que ven vai ser un escenario feo.
«Vexo dende a fiestra un supermercado con xente facendo cola, pero a xente fai cola nunha librería?»
Ademais, para os editores outra cuestión fundamental no proceso de edición e comercialización son os actos. Cada dous, tres dias da semana en algún lugar de Galicia había unha presentación dun libro, o cal cunha boa cobertura mediática, movía a moita xente, e tamén ventas. Todo isto vai desaparecer.
Vexo que o horizonte, e mira que estás a falar cun optimista compulsivo, se presenta absolutamente escuro. Nós este ano perdemos a feira de Bolonia, eu agora mesmo debería estar volvendo dende Bos Aires cara a España. Frankfurt penso que vai caer tamén… lugares onde podes adquirir cousas importantes e incorporar as túas novidades noutros mercados…
-É importante entender que o traballo dun editor tamén pasa por este tipo de eventos, nos cales o editor coñece o panorama literario actual, contacta con posibles compradores do seu catálogo e mesmo investiga o que hai para poder captar posibles traducións.
-Exacto.
-Neste panorama de parálise global, os editores aliáronse coas tecnoloxías, promovendo encontros virtuais con autores e ofrecendo mostras do seu catálogo compartidas en redes sociais. Cal é o papel que coidas que xogou a cultura e concretamente a literatura durante o confinamento?
-Todos aqueles que cualifican así en xeral ás persoas da cultura de «titiriteiros», que algún hai por alí que o fai, se decatarían durante este confinamento da importancia da cultura. Porque está moi ben estar en casa, estar protexidos, pero ao final poñíamos un telediario e o que víamos era un cantante nun balcón, un poeta recitando una poesía, un escritor liberando tres relatos da súa produción, as editoriais… mesmo Galaxia fixo accións de este tipo, concentrando vídeos de autores lendo fragmentos das súas obras. Ou como fixemos a semana pasada, recomendando libros e lendo fragmentos de libros doutros autores. Tamén facemos clubs de lectura a través de zoom, fixemos un encontro con autoras e autores como Inma López Silva, Gonzalo Hermo…
Eu intúo que isto veu para quedarse, antes eran fórmulas anecdóticas pero agora vai ser así. A miña novela presentouse hay pouco no Corte Inglés con 90 persoas, ben, pois agora teremos que pensar que non nos vamos poder ver fisicamente en tempo. Este tipo de presentacións virtuais van a xeneralizarse.
«Fixen máis vídeo conferencias durante os últimos quince días que durante toda a miña vida enteira»
–En Galaxia, ou ti mesmo en tanto que escritor ben coñecido, recibistes feedback dos lectores a través das vosas redes sociais ou destas iniciativas?
-Sen dúbida, eu fixen máis videoconferencias durante os últimos quince días que durante toda a miña vida enteira, e non é una frase feita! Na semana pasada tiven un club de lectura a través de Duo con lectoras de Vigo, todas mulleres. Eu a fixen dende o salón da miña casa e tivemos hora e pico de charla. O domingo participei nun acto dunha universidade catalá a través dun directo de Instagram, con lectores e lectoras que facían preguntas por escrito que a moderadora me trasladaba. Así que si, o feedback sentiuse con forza.
-Se queremos buscar algo positivo a esta crise podémolo atopar nas estatísticas. Parece ser que o índice de lectura segundo a axencia EFE subiu un 4% durante este confinamento no noso país. Pode o sector editorial entender este brote como un punto de apoio positivo para a nova posta en marcha do sector, que casi parte de novo de cero ou de moi baixo?
-Obviamente a lectura, como a música ou as series e o entretemento, foi un apoio. O que pasa é que esa enquisa, que é certa, se contesta con outra que di que as vendas de libros baixaron no estado español un 80%. A xente o que fixo foi tirar do que tiña na casa, non mercar on line, que era unha opción posible. A xente mercou cousas en liña, pero non libros. Esa subida do 4% non implica novos lectores senón que os que xa o eran tiveron máis tempo para ler. Oxalá a noticia foxe que un 4% de persoas que non lían agora son lectores, sería fantástico, porque iso quere dicir que temos máis potenciais compradores… pero non foi iso, a xente tirou do que tiña.
«A xente o que fixo foi tirar do que tiña na casa, non mercar on line, que era unha opción posible. A xente mercou cousas en liña, pero non libros»
–Nun panorama de desescalada paulatina e lenta, na que como xa dixeches feiras e eventos se van ver moi mermados, estanse a pensar estratexias, exponse novas ideas ou alternativas a eses puntos quentes de venda tradicional como as feiras do libro?
-O noso plan de edición como te comentaba antes saltou polos aires e moitas das novidades programadas para 2020 van ter que ser publicadas no 2021. Outros editores como Planeta o Penguin Random House comentaban exactamente o mesmo, que a política de edición vai ser conservadora, o que non podemos agora é manter o plan de edicións como está, metendo oitenta libros de golpe nunha librería.
Dito isto efectivamente o departamento de Comunicación e mais a Dirección estamos elaborando novas estratexias para este novo mundo, novo mundo que ninguén sabemos como vai ser. Pensamos como te contaba antes que as presentacións manterán una pantalla polo medio, que todo o feito estas semanas ten un matiz de ensaio de cara ao futuro. A dúbida é si estas iniciativas, que funcionan moi ben, vanse traducir en ventas. Non está comprobado que sexa así. Nunha plataforma como Duo o Webinar de pronto tes a oitenta persoas asistindo ao teu evento, o que está moi ben, pero hai que ver se esa actividade tradúcese en vendas, se encargan o libro na librería…
-Claro, ter diante e firmando o libro é diferente, e traballamos con verdadeiras incógnitas… De cara a este futuro-incógnita: vaise colaborar con autoridades como as alcaldías das grandes cidades galegas? Trabállase nalgún plan coa Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia?
-Mañá pola tarde (por este xoves) estamos convocados os profesionais da cultura nun encontro coordinado polo conselleiro para falar precisamente destas cousas. A través da asociación de editores pasáronselle xa unha serie de propostas e ideas para que a consellería as contemple. E estamos a ver se estas ideas se implementan.
O sector está moi preocupado, tanto editores como asociacións de escritores e escritoras. Fixémoslle chegar á Consellería o que nós pensamos que se pode facer para que o impacto fose amortecido o máis posible… porque o golpe xa o recibimos, agora hai que ver o tamaño do airbag.
-A Alcaldía de Vigo parece comprometerse coa cultura con reunións e tamén abrindo portais virtuais… o subsolo cultural de Vigo é moi activo… Pode ser a nosa cidade un lugar dinamizador para a cultura no período posterior a esta crise?
-Eu estou convencido de que si. Convencido non, eu estou convencidísimo de que vai ser así. Sobre todo porque sempre foi así!, Vigo é a capital editorial de Galicia por algo, non somos capital de provincia, nin de Galicia como é Santiago. Pero Xerais está aquí, Ir Indo Edicións está aquí, Galaxia estamos aquí, a Fundación Penzol está en Vigo e as grandes iniciativas relacionadas co libro en Galicia sempre estiveron arredor de Vigo. Pero quen fala do libro fala da música, aquí sempre houbo un movimiento musical super potente, e non hai agora menos grupos en Vigo que nos oitenta, o que pasa é que non está o foco mediático posto con tanta atención como estivo hai 40 anos… eu estou convencido de que a nada que o Concello sexa cómplice, e estou convencido de que vai ser cómplice, podemos facer grandísimas cousas nesta cidade. Coido que a volta do verán ten que ser o momento en que Vigo demostre o seu liderazgo cultural unha vez mais.
-Estou moi de acordo… os grandes eventos internacionais non van poder ser este ano, e penso efectivamente que o futuro está no noso propio caldo de cultivo, que é excepcional. Ben, non quero deixar de falar especificamente dos plans inmediatos de Galaxia, unha das editoriais máis comprometidas coa cultura galega e que acaba de cumprir sete décadas. Que novas da editorial no que resta de ano podemos adiantar?
«Deume tempo de rematar unha novela policial, que espero que vexa o ano que ven a luz»
-Os plans inmediatos son a reformulación do plan de edicións para facer algo realista dada a situación. Haberá unha parte que non se toca, emblemática, que son as publicacións relacionadas coa Xeración Nós, porque Galaxia estamos de setenta aniversario pero é o centenario da Xeración Nós. Estamos traballando nunha biblioteca relacionada coa Xeración Nós e os títulos que estaban programados van saír, sen dúbida.
-Tamén me gustaría preguntarlle ao Francisco Castro escritor, ao creador. Un confinamento como o que estamos a vivir pode axudar á creatividade, ou todo o contrario, como estás a vivir esta crise en tanto que creador de historias?
–No caso dos escritores o confinamento foi a posibilidade de ter o que non temos e do que sempre nos queixamos: tempo. A min, valga a redundancia, deume tempo de rematar unha novela policial, que espero que vexa o ano que ven a luz, e mais de escribir o meu primeiro libro de autoficción, que fixen duna sentada, escrito dunha maneira frenética… Pero claro, tiña moito tempo! O día o día a día parece programado para que crear sexa complicado, porque a creación require de certo sosego, e un mundo basicamente organizado para conseguir uns cartos mínimos cos que vagamente sobrevivir nos impide manter a calma para escribir. Isto foi como se a un métenlle en prisión uns anos… polo menos un libro pode saír!