O Premio Otero Pedrayo recae por primeira vez en dúas mulleres, pioneiras no mundo do ensino e do uso do galego na escola no caso de Antía Cal e na defensa dos dereitos das mulleres desde todos os ámbitos, de maneira especial desde o literario, ensaístico e activista, María Xosé Queizán.
Desde a súa creación hai xa máis de corenta anos, a pasada edición foi a primeira vez que unha muller, Margarita Ledo, gañou o premio que neste ano recae tamén por primeira vez en dúas mulleres, modalidade dupla que non é nova na historia do galardón con exemplos como Xaquín Lorenzo e José Fariña, Manuel María e Uxío Novoneyra ou Acislo Manzano e Manuel Buciños.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, valorou que «o Premio Otero Pedrayo recae en dúas mulleres con traxectorias sólidas e comprometidas coa nosa cultura e o noso país, con biografías que falan dun traballo inmenso, desenvolvido en distintos ámbitos como son o ensino e a literatura».
Despois de felicitar a Queizán e Cal, González Formoso convidou «a ler a súa obra e traballar por un mundo máis igualitario que, sen dúbida, foi un dos obxectivos destas dúas mulleres nas súas vidas, con elas premiase o compromiso e a entrega á hora de construír un mundo mellor».
Pola súa parte, a vicepresidenta e responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei destacou que «con este premio se está a recoñecer as valiosísimas traxectorias de dúas mulleres que loitaron por cambiar un estado de cousas que, entre outras cousas, distriminou as mulleres e converteu a escola en ferramenta de control autoritario».
Desta maneira, Goretti Sanmartín anotou que en Queizán temos «unha figura clave do feminismo, unha pioneira na liberación das mulleres desde o noso país e a autora dunha obra inmensa en todos os xéneros que ela elabora sempre coa súa mirada feminista». En canto a Antía Cal, a vicepresidenta e deputada de Cultura apuntou que «é unha muller que traballou por modernizar e democratizar a escola influída polos movementos pedagóxicos renovadores europeos, unha mestra que cre na capacidade da escola de transformar o mundo e así o demostrou desde a Escola Rosalía de Castro que ela creou en Vigo».
Antía Cal, a mestra renovadora
A mestra e pedagoga Antía Cal (La Habana, 1923) foi durante o seu tempo como ensinante un referente da nova pedagoxía que busca en modelos anovadores que daquela nacían en Europa, nunha época na que a escola estaba dominada polo franquismo. Ademais de ensinar, trata de ocmpletar a educación creando materiais didácticos dos que nace a enciclopedia O libro dos nenos e o volume A arte e a súa historia, escritos en galego nos anos cincuenta.
Do encontro cos novos movementos pedagóxicos nace a Escola Rosalía de Castro que ela crea en Vigo, un centro laico, plural, diverso, democrática e conectada co mundo que a rodeaba. Antía Cal deixou a súa traxectoria escrita na súa autobiografía Este camiño que fixemos xuntos, un volume que mostra unha muller emprendedora, de grande amor ao país, a súa lingua e a súa cultura e exemplo de mestra que cre no poder e na necesidade dunha escola participativa e galega.
En 2011 recibiu o premio Chairega de Honra e en 2012 o Premio Trasalba que outorga a Fundación Otero Pedrayo. En 2016 o concello de Muras (Lugo), do que é orixinaria a familia, nomea a Antía Cal filla adoptiva. Nese mesmo ano estréase a pelicula A palabra xusta sobre a súa vida, dirixida por Miguel Piñeiro.
María Xosé Queizán, unha grande autora e figura clave do feminismo
A escritora María Xosé Queizán (Vigo, 1939) conta cunha intensa traxectoria na literatura e tamén no activismo centrado, de maneira especial, na defensa dos dereitos das mulleres. Queizán é pioneira na teorización do movemento feminista desde a situación que vivían e viven as mulleres galegas que se reflicte nun amplo corpus ensaístico mais tamén nos outros xéneros literarios que a autora visitou.
A muller en Galicia (1977) e Recuperemos as mans (1980), Evidencias (1989), Escrita da certeza. Por un feminismo optimista (1995), Misoxinia e racismo na poesía de E. Pondal (1998), Racionalismo político e literario. Conciliar as Ciencias e as Humanidades, (2004) ou Antinatura (2008), compoñen a relación de obras que fan de María Xosé Queizán un dos nomes imprescindíbeis na filosofía galega, de maneira especial, no pensamento feminista contemporáneo.
As novelas Amantia (1984), A semellanza (1988), Amor de Tango (1992) e Ten o seu punto a fresca rosa (2000) ou ¡Sentinela, alerta! (2002) forman parte da súa obra narrativa que suma once libros individuais. En 1991 iniciou con Metáfora da Metáfora a súa obra poética á que había de sumar Despertar das amantes (1993) ou Fóra de min (1994), títulos que reuniría, xunto con poemas dispersos, en Non o abras como unha flor. (Poesía reunida 1980-2004), para logo completar, polo de agora, a obra poética con Cólera (2007).
Nos anos setenta, Mª Xosé Queizán inicia a publicación de artigos xornalísticos que continúa na actualidade. O teatro e a tradución forman parte tamén do corpus de María Xosé Queizán, sen dúbida, un dos máis amplos e interesantes da literatura contemporánea galega. Dirixe tamén a revista Festa da Palabra e a colección As literatas (Xerais).
Un premio que se convoca desde 1977
O obxectivo do premio é, ademais de perpetuar e honrar a memoria de Otero Pedrayo no campo das letras e o coñecemento, premiar un labor que constitúa unha contribución eminente á cultura galega e promocionar os valores propios de Galiza e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da súa cidadanía e institucións. O Premio Otero Pedrayo está dotado con 16.000 euros e cada ano convócase por cada unha das deputacións correspondéndolle este ano á Deputación da Coruña.
O xurado estivo composto polo secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo e o o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez por parte da Xunta de Galicia e o presidente e a vicepresidenta e deputada de Cultura, Valentín González Formoso e Goretti Sanmartín Rei por parte da Deputación da Coruña. Pola Deputación de Lugo formou parte do xurado a deputada de Cultura, María del Pilar García Porto, pola de Ourense, o deputado de Cultura, Manuel Doval Soto e pola de Pontevedra, o deputado de Cultura, Xosé Leal Fariña. En representación das tres universidades galegas participaron o adxunto á Vicerreitoría de Coordinación do Campos de Lugo, Jesús Varela Zapata, pola Universidade de Santiago, a vicerreitora da Universidade de Vigo, Natalia Caparrini Marín e o catedrático de Filoloxía Galega, Xosé Ramón Freixeiro Mato pola Universidade da Coruña. A académica Marilar Aleixandre, pola Real Academia Galega, o científico do CSIC, Pablo Otero Piñeyro polo Instituto «Padre Sarmiento» de Estudios Galegos e Alfonso Vázquez-Monxardín Fernández, pola Fundación Otero Pedrayo completaron a representación das distintas institucións.
Como persoas do mundo da cultura compuxeron xurado a catedrática de Filoloxía GAlega da Universidade de Vigo, Camiño Noia Campos, a profesora da UdC e autora dunha tese sobre Otero Pedrayo, Carme Fernández-Pérez Sanjulián; o escritor, tradutor, mestre e lingüísta, Primitivo Iglesias Sierra, o poeta e escritor Luis González Tosar e o director do Museo de Pontevedra, Xosé Carlos Valle. Como secretaria do xurado actuou a xefa do servizo de Cultura da Deputación da Coruña, Mercedes Fernández-Albalat Ruiz.
O premio foi creado en 1977 e o escritor Carlos Casares foi o primeiro galardoado dunha listaxe que incluiría personalidades e entidades como Isaac Díaz Pardo, Francisco Fernández del Riego, Antón Fraguas, Xaquín Lorenzo, Fundación Otero Pedrayo, Manuel María e Uxío Novoneyra, Centros Galegos de Bos Aires e Montevideo, Museo do Pobo Galego, Real Academia Galega e Laboratorio de Formas, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Neira Vilas ou, na última edición, Margarita Ledo Andión, a primeira muller premiada.