A novena edición do Certame de Relatos Vigo Histórico, convocado pola Editorial Elvira, xa está en marcha. Este xoves celebrouse na Casa Galega da Cultura a presentación desta nova convocatoria do concurso, que xa é unha tradición na cidade viguesa e unha data esperada polos escritores e escritoras noveis tanto de Galicia como do resto de España e incluso do estranxeiro.
O prazo para a recepción dos traballos comezará este xoves, día 31 de marzo, e finalizará o 1 de xullo. A comunicación das persoas gañadoras, así como dos relatos seleccionados para o libro Relatos na Rúa farase pública entre os días 29 de setembro e 7 de outubro de 2022. Como sempre, antes de que finalice o presente ano realizarase a gala de entrega dos premios, na que tamén se presentará o libro ‘Relatos na Rúa‘. A autora do cartel desta novena edición é Gabriela Sánchez González unha artista pontevedresa que vive dende o ano 2017 en Londres. Un ano máis, a Panificadora será a estrela central do cartel do certame Vigo Histórico.
O tema do relato será libre coa única condición de que a cidade de Vigo ten que ser protagonista, tal e como aparece nas bases do concurso: “A acción ten que transcorrer en Vigo, sendo a cidade parte transcendental do relato, un elemento destacado, como o son as personaxes ou a trama. O incumprimento deste punto invalida a participación no certame”. Admitirase un único texto por autor/a, cunha extensión máxima de 4 páxinas por unha cara (ou o equivalente a 8.000 carácteres con espazos).
Os orixinais deberán presentarse por correo electrónico ao seguinte enderezo: certamenvigohistorico@gmail.com. Haberá un primeiro premio de mil euros para o gañador/a, un segundo premio de 500 e ata catro accésits de 200 euros cada un. As bases están a disposición de todos os interesados na páxina web de Editorial Elvira.
O xurado está composto pola escritora Ledicia Costas; o pintor Antón Pulido, o editor Bieito Ledo, a escritora Clara do Roxo, o xornalista Jacobo Buceta; a filóloga e poeta Patricia Meira, a escritora e actriz María Lado, a xornalista Noelia Otero Lago; e o historiador e membro do Instituto de Estudios Vigueses, José Luis Mateo Álvarez.
Na rolda de presentación deste mércores estiveron presentes o alcalde de Vigo; Abel Caballero; o editor da Editorial Elvira, Javier Romero, e a filóloga e secretaria do xurado do certame, Arantxa Amatriain. O alcalde de Vigo asegurou que “o gran mérito da editorial Elvira e do certame é crear unha plataforma que sexa un estímulo de creación para os e as escritoras, tanto para o presente como para o futuro, porque aqueles que escriben agora, seguirán facéndoo durante moitos anos”.
Centenario de Carlos Oroza
Pola súa banda, o responsable de Elvira comezou recordando o inicio deste certame, hai xa nove anos co apoio do poeta Carlos Oroza, e que “nos permite contar con máis de 1.000 relatos de Vigo o que é un arquivo incrible esta cidade”. Javier Romero anunciou que a editorial xa está coa décima edición, que se celebrará no 2023, que coincidirá co centenario do nacemento desta gran figura da literatura española.
“Estamos a traballar nun gran proxecto en torno a Carlos Oroza e xa podo anunciar que o cineasta Lois Patiño comprometeuse a facer un curto sobre o poema América que será rodado na Ría de Vigo”, indicou Romero. Con respecto a este proxecto, Abel Caballero manifestou que “Oroza é unha peza máxica da poesía universal que require de transmisión. Aos xenios hai que mostralos e temos a obriga de facelo canto máis, mellor”.