O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presidiu este venres no Pazo de Castrelos o acto de nomeamento de Ceferino de Blas como Cronista Oficial da Cidade de Vigo.
Ceferino de Blas -asegurou o rexedor vigués durante a súa intervención- é unha «importantísima autoridade intelectual» e mostra unha «capacidade de construir desde a discreción». Caballero indicou que o novo cronista, «por forza, tiña que ser alguén que toda a cidade entendera como parte notable desta, por forza tiña que ter o entendemento e a calidade literaria» que reúne De Blas.
Nado en Asturias en 1943, De Blas é escritor, xornalista e investigador, foi director do Faro de Vigo e forma parte do Instituto de Estudos Vigueses. Sucede no cargo a Lalo Vázquez Gil, falecido o pasado ano.
Na súa intervención, o alcalde de Vigo tivo verbas para os cronistas da cidade, comezando con Nicolás Taboada Leal, médico e historiador. Sucederíalle en 1890 o seu fillo Nicolás Taboada Fernández, poeta e único da serie que naceu en Vigo. En 1926 sería nomeado o xornalista Avelino Rodríguez Elías, quen exerceu ata 1936 cando tivo que exiliarse en Paraguay pola guerra.
O seu sucesor desde 1937, e durante varias décadas, foi o farmacéutico e historiador José Espinosa Rodríguez. Tras él, e previo a Vázquez Gil, foi nomeado en 1976 Xosé María Álvarez Blázquez, escritor e arqueólogo.