Apenas dous meses despois do seu lanzamento, e con tan só tres presentacións públicas, a escolma de relatos “Contos da beiramar” esgotou a súa primeira edición e xa se está a distribuír a segunda. «Este notable éxito evidencia o favor dos lectores do que está a gozar este libro, pois tan inmellorable acollida, con tan cativa promoción, só cabe atribuírlla ao funcionamento da interacción popularmente coñecida como “boca-orella», destaca a Editorial Elvira tras anunciar a segunda edición do libro,
“Contos da beiramar” reúne catorce relatos nos que, nun galego fluído, moi próximo e cheo de retranca, cóntanse episodios protagonizados por mariscadoras,
mariñeiros, funcionarios e mesmo algún taberneiro ou pescador furtivo, por veces sorprendentes, moi reveladores do que se coce na beiramar e que resultan
do máis divertido.
De trece destes relatos pódese dicir que se axustan aos canons do xénero, pero o que completa o libro, ocupando a súa parte central, excede con moito as dimensións do que se podería considerar un conto. Consciente desta circunstancia o seu autor subtitulouno xa como “conto en sesión continua”, e nel poden atopar os lectores toda unha crónica continuada e maxistral do que foi un conflito marisqueiro, salpicada de coloridos detalles –por chamarlles dalgunha maneira- só ao alcance de quen os viviu dende dentro e sabe do que fala.
«Cando no seu día lemos o orixinal, na Editorial Elvira apreciamos todas esas virtudes, pero tamén esa achega que Fernando A. Fernández Domonte fai á literatura ambientada no mundo do mar -tan vencellada á épica que o propio medio e as actividades que nel se desenvolven inspira- ao introducir coma un personaxe máis á Administración e os seus funcionarios, o día a día de quen no mar atopa o seu sustento –que non deixa de ter a súa épica- e esas pinceladas de bioloxía mariña e xestión pesqueira, que fan que a lectura deste libro, ademais de entretida e divertida, resulte tamén do máis interesante e instrutiva», engada a Editorial Elvira.