A calidade literaria dos textos presentados a esta terceira semifinal fixo que os resultados das votacións de público e xurado estivesen tremendamente igualadas, nalgún caso só con un punto de diferencia entre os textos. Segundo o xurado (integrado por Clara do Roxo, Amadeo Cobas, Mari Carmen Casal e Ángela Costas”, este feito amosa a boa saúde da creación literaria en Vigo e o interese que esperta ano tras ano o concurso MicroCatrorelatos.
A próxima semifinal terá lugar o 29 de abril e para participar nela é necesario enviar os orixinais antes do día 15 dese mes, ás 23.59 horas, ao correo electrónico microcatrorelato@gmail.com. Os textos escollidos nesa eliminatoria uniranse aos seis xa elixidos e participarán na final do mes de maio. O xurado salienta que na final estarán en xogo dous premios: un correspondente ao outorgado polo xurado, que ascende a 300 euros; e outro outorgado polo público asistente, que consistirá en 200 euros.