‘Se falases de min’ de Antonio García Teijeiro constitúe un traballo coral no que se unen diferentes artes: literatura, pintura e música
O pincel de Xulio García Rivas plasma diferentes obras especialmente creadas para os textos, facéndose cargo, ademais, da cuberta. O libro recupera dous bloques de poemas de textos poético-narrativos: ‘Cando caen as follas’ e ‘Palabras envoltas en cancións’. A isto únenselle as colaboracións de dous voces inconfundibles: Alberto Cunha, que musicaliza seis destes poemas e pon a ‘cama’ musical ás gravacións que se recollen de Teijeiro recitando, e Paco lbáñez, que interpreta o poema que dá título o libro ‘Se falases de min’, expresamente gravado para este, así como tres cortes de outras gravacións de temas do seu concerto no Mar de Vigo no verán de 2021 nos que podemos gozar dos dous cantando a dúo, indica a editorial.
Calquera persoa que acceda á páxina da editorial poderá descargar de forma gratuíta o contido de audio que forma parte deste libro.
O lanzamento do libro será en outubro, pero desde este venres ás 00.01 horas ata o día 29 procederase a facer unha prevenda. Poranse a disposición de aquelas persoas que o desexen a través da páxina www.editorialelvira.es 100 exemplares numerados, asinados e intervidos polo autor. Esta edición limitada inclúe o envío de balde a través dun servizo de mensaxería. A partir do día do lanzamento oficial do libro, poderán adquirirse exemplares da edición sen numerar tenda en liña da editorial e en calquera libraría mantendo o prezo de 38 euros.
A editorial cualifica este traballo como un ‘artefacto’, máis que un libro. Un obxecto ambicioso que reivindica dende o seu inicio un contedor onde poesía, palabra, música e pintura se funden da man dos seus creadores a partir dos poemas e da narrativa de Antonio García Teijeiro.
Antonio García Teijeiro (Vigo, 1952) é un narrador, poeta e especialista en literatura infantil e xuvenil, que leva ben anos traballando na difusión da literatura para rapaces en distintos ámbitos.
Codirixiu durante dez anos a prestixiosa colección infanto-xuvenil Árbore, da editorial Galaxia e foi codirector do programa radiofónico de música e poesía, Os sons do silencio.
Como autor acadou importantes premios como o Merlín, o Europeo Pier Paolo Vergerio e entrou na Lista de Honra do IBBY, ademais do lllas Sisargas de Poesía 2006, entre outros (Fundación Cuatrogatos, de Miami, Luna de Aire de Poesía).
O seu libro ‘Cacarabín, Cacarabón’ (‘Versos de agua’ en castelán) foi elixido por un xurado de expertos entre Los 100 del siglo XX. Os seus poemas figuran en importantes antoloxías en distintas linguas.
O libro coescrito con Antonio Reigosa, ‘Lendo lendas, digo versos’, foi premiado na I Gala do Libro Galego e entrou na Lista de Honra do IBBY en 2018.
Ultimamente saíron do prelo ‘Que demo de monicreque!’, ‘De pombas e bolboreta’s e ‘No xardín do poeta’.