A banda deseñada galega terá en breve outro hito na súa historia. A Editorial Elvira será a encargada de reeditar un cómic pioneiro en Galicia, «Dúas viaxes», de Reimundo Patiño e Xaquín Marín. Este cómic, publicado en 1975, está considerado como a obra fundacional da actual banda deseñada galega.
Javier Romero, director da viguesa Editorial Elvira, avanzou que a edición facsimilar estará na rúa o vindeiro mes de febreiro cunha primeira tirada de 600 exemplares. Ademais, xa é posible facer a reserva a través do correo editorialelvira@gmail.com ou no teléfono 886 16 49 17.
«Estamos ante unha obra de referencia para o cómic galego e creemos que é o momento perfecto para recuperala, xusto cando Patiño é homenaxeado», sinalou Javier Romero. Reimundo Patiño foi nomeado o ilustrador do ano 2022 en Galicia, como un dos pais da banda deseñada en galego.
Linguaxe artística
Expresionista, informalista, suarrealista, á arte pictórica de Patiño pode describirse baixo varios adxectivos. Os seus cómics ou as ilustracións que fai para algunhas obras de importantes autores, como os seus amigos Xohán Casal ou Méndez Ferrín, tamén son boa mostra da súa linguaxe artística.
Mostra na Biblioteca de Galicia
Ademais, a Biblioteca de Galicia, en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), celebra o Día da Ilustración este 30 de xaneiro, data de nacemento de Castelao, coa mostra “Reimundo Patiño: o desacougo creador”. O nome deste ilustrador e pintor coruñés súmase así aos de Lino González Rubido, Álvaro Cebreiro, Camilo Díaz Baliño, Federico Ribas, Cándido Fernández Mazas e Lolita Díaz Baliño, figuras homenaxeadas nos anos anteriores.
“Reimundo Patiño: o desacougo creador” é unha mostra bibliográfica na que se poderán contemplar, entre outras, precisamente a obra fundacional da actual banda deseñada galega, 2 viaxes, que Reimundo Patiño publicou xunto a Xaquín Marín en 1975, ou o seu libro póstumo de poemas, Brétemas neboentas, editado por Espiral Maior en 1992.
Catálogos sobre as súas exposicións, os seus limiares na revista Cadernos da Gadaña, as súas ilustracións en monografías e revistas, ou o seu cómic O home que falaba arameo son algunhas das outras obras que completan a exposición. Ademais, e grazas a colaboración do Museo Carlos Maside, expoñeranse as reproducións dixitais dalgunhas das doce serigrafías que compoñen o cómic mural que creou Reimundo Patiño, O home que falaba vegliota, e que pode definirse como unha das obras máis orixinais do recente arte contemporáneo galego.