En 1988, Xosé Neira Vilas, daquela xefe de redacción de Zunzún, a revista infantil publicada en Cuba, deu cabo aos quince contos de «O home de pau», escritos ao longo de 1988, e anos máis tarde reescritos en Galicia, que conforman un conxunto de “historias urbanas —un algo experimentais—, coas que tento achegarme mediante alegorías a algunhas das eivas crónicas que padecen as cidades deste noso tempo”, onde reflexiona, cunha prosa sucinta, limpa e depurada, sobre o previsible destino das cidades actuais e das xentes que nelas moran, nuns espazos concibidos como labirintos en que viven “homes de pau”.
Esta obra súmase a todas as publicacións que forman a colección Biblioteca Neira Vilas, capitaneada polo bestseller galego «Memorias dun neno labrego», destacan publicacións como «Cartas a Lelo» (2011); «Querido Tomás» (2011); «Xente no rodicio» (2012); «Esperando o leiteiro» (2012); «Lar, Nai, Pan» (2014); «Romaría de Historias» (2015); «Aqueles anos do Moncho» (2016); «De Gres a Cádiz» (2018); «Co pai» (2019); «Remuíño de sombras» (2021); «Camiño bretemoso» (2021); «Tempo novo» (2022); «A muller de Ferro» (2022); «Chegan forasteiros» (2023); «Historias de emigrantes» (2023); ou «Galegos no Golfo de México» (2023).
Neira Vilas (Vila de Cruces, 1928-2015) é sen dúbida un dos escritores máis sobranceiros do noso país. A súa vida e a súa obra estiveron marcadas pola emigración, que el viviu en primeira persoa en Arxentina e Cuba. Dese sentir naceu Memorias dun neno labrego, un dos libros máis famosos das letras galegas. A mestría do Neira Vilas narrador amósase nese e noutros moitos libros que lle valeron o recoñecemento da sociedade galega.
Ao longo da súa vida Neira Vilas recibiu numerosos galardóns, como por exemplo a Medalla Castelao en 1988. Nos Premios da Edición que concede a AGE recibiu o Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor do ano 2010. En 2014, recibiu, na modalidade de Letras, o Premio da Cultura Galega que concede a Xunta de Galicia e en 2015, a Medalla de Ouro de Galicia.