O relato El fabuloso tonto triste, de Miguel Cuervo Pérez, é o gañador da sétima edición do Certame de Relatos Vigo Histórico, organizado por Editorial Elvira, que este ano estivo «dominado» polo confinamento pola COVID-19. O segundo premio foi para Hopper en el Vitrubia, de Eduardo Fernán‒López.
No día de hoxe tivo lugar no Auditorio Municipal do Concello de Vigo unha rolda de prensa para dar a coñecer a resolución do certame. No acto informativo participaron o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o editor da Editorial Elvira, Xabier Romero, e o xornalista e membro do xurado, Jacobo Buceta, que foi o encargado de ler a resolución. Ademais, como todos os anos, foron invitados a asistir ao acto os participantes do certame, aínda que nesta ocasión o aforo foi limitado, pola situación de alarma sanitaria que estamos a vivir pola COVID‒19. Entre os presentes atopábase Eduardo Fernán-López, que recibiu o segundo premio, e varios accésit. Nesta edición houbo unha participación un pouco inferior á pasada. Aínda así, recibíronse uns 170 relatos, cunha enorme participación de escritores de Vigo, pero con menor presenza do resto de España e do estranxeiro.
Na súa intervención Javier Romero destacou a importancia da cultura para saír adiante nestes intres especialmente complicados, e anunciou varios proxectos nos que está a traballar a editorial e que sairán adiante nun breve espazo de tempo: “Hai unha novela histórica sobre a peste en Vigo en 1598, na que xa estabamos a traballar antes da pandemia, curiosidades da vida, e outros dous proxectos que son Vigo cen por cento”, manifestou. Un deles sería a posta en marcha dun musical sobre Carlos Oroza, pero é un proxecto aínda sen pechar, segundo explicou Romero. Pola súa banda o alcalde felicitou a todos os participantes porque “son 170 persoas con ilusión por escribir e cargadas de talento”. E referiuse a el mesmo para indicar que nestes meses de confinamento rematou dúas novelas que tiñan aparcadas e “foi unha enorme satisfacción acabalas”.
A resolución
O gañador desta sétima edición do certame é o relato El fabuloso tonto triste, de Miguel Cuervo Pérez, nunha obra chea de humor e intelixencia, salpicada por unha crítica sutil presente a longo de todo o relato. Miguel Cuervo é xa coñecido neste concurso, non en van o pasado ano logrou o accésit con Memorias casi póstumas de un detective idiota. Ademais, o segundo premiado foi Hopper en el Vitrubia, de Eduardo Fernán‒López, no que nos conta a historia dun neno esquizofrénico, usando como gancho o cadro de Hopper na xanela. O gañador recibirá un premio de mil euros, mentres que o segundo premio terá 500 euros e os 4 accésits, 200 euros cada un.
No Certame de Relatos Vigo Histórico o tema é libre pero hai unha esixencia fundamental: Vigo ten que ter un papel protagonista nos relatos presentados. O confinamento dominou e ocupou o concurso, con numerosos escritos nos que se facía referencia á situación que nos tocou vivir de marzo a xuño, e tamén puido apreciarse no ton dos relatos, un pouco más escuros e tristes do habitual.
Dentro dun par de meses, aproximadamente, e se nada o impide, realizarase o acto de entrega dos premios e a presentación do libro Relatos na Rúa VII, no que aparecerán publicados os relatos premiados e unha ampla escolleita dentro dos presentados. A portada do libro será realizada pola artista viguesa Beatriz Lobo. Como xa sabedes, dende hai uns anos, Editorial Elvira colabora coa Fundación Igual Arte, de xeito que se lle fai entrega a esta institución dun euro por cada libro vendido.
Coma sempre, hai que destacar o enorme traballo do xurado do Certame de Relatos Vigo Histórico, que ten a difícil tarefa de elixir. O noso gran equipo estivo formado pola escritora Ledicia Costas; o pintor Antón Pulido, o editor Bieito Ledo, a filóloga e mestra Concepción Varela Portela, o xornalista Jacobo Buceta; a filóloga e poeta Patricia Meira, a escritora e actriz María Lado, a xornalista Noelia Otero Lago; o profesor, escritor e colaborador de VIGOÉ Julio Alonso e o historiador e membro do Instituto de Estudios Vigueses, José Luis Mateo Álvarez.
RELATOS NA RÚA VII Primeiro premio El fabuloso tonto triste Miguel Cuervo Pérez Segundo premio Hopper en el Vitrubia Eduardo Fernán‒López Accésits Folga Xosé Alfredo Naz Fernández Abismos Alberto Rodríguez Guerrero 4 Gatos Marcos Dios Almeida 18 Rúa de Elduayen Esther Alonso Domínguez Publicados O muíño do vento María López Correa Dezasete mil cincocentos Julia Tomé Ortega El amor en los tiempos del covid Pilar Ortega Pereiro Somos mar Ana Agra Singularidad Rubén Domínguez Carrasco A derradeira viaxe da liña 8 ou a morte definitiva de Enrique Peinador Xosé Luis Termenón Pintos A.brazadas Ángeles del Blanco Tejerina Desde mi ventana Milagros Alonso