A Editorial Elvira, de Vigo, ven de publicar Escolma Aberta, unha obra do polifacético Alberto Cunha, un vigués que leva anos no mundo da música e que tamén é humorista, actor, imitador e compositor. Cunha dilatada traxectoria profesional, a súa música está nas principais plataformas de difusión online: Apple Music, Deezer, Napster, e, por suposto, en Spotify.
Non resulta estraño que Alberto Cunha fora quen de interpretar e producir un libro disco moi complexo que reúne unha serie de poesías singulares de autores como Ramón Cabanillas, Bernardino Graña, Celso Emilio Ferreiro, Federico García Lorca, Alfredo Conde, Curros Enríquez, Álvaro Cunqueiro, e Rosalía de Castro. Todas elas están musicalizadas por destacados músicos como Amancio Prada, Suso Vaamonde, e Vicente Araguas (de Voces Ceibes), entre outros.
Neste proxecto de Escolma Aberta tamén colaborou Amparo Mosquera coa súa voz en “Campanas de Bastabales”, Andrés e Eduardo Cunha na instrumentación musical e nos arranxos, e a produción foi compartida entre Alberto Cunha e Javier Abreu. A Editorial Elvira, fundada e dirixida por Xabier Romero, que ofrece produtos editoriais de enorme calidade, foi a encargada da publicación. Neste sentido é preciso subliñar que o resultado final é realmente brillante, incluíndo un CD coa musicalización dos poemas e unha clave para poder descargalos de internet.
Antonio García Teijeiro foi o encargado de escribir o prólogo, e o artísta plástico Ramón Trigo deseñou a portada do libro, ademais de encargarse de ilustrar cada un dos dez poemas que son comentados por diferentes persoas, algunhas delas vinculadas co xurado do premio literario Relatos na Rúa, promovido pola Editorial Elvira. Polo tanto, no é gratuíto afirmar que o libro Escolma Aberta é unha xoia que merece a pena mercar, porque é un deses libros polos que nunca pasará o tempo.