A Escola de Letras que promoven a Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia arrancou este xoves cunha excepcional acollida, de tal xeito que en hora e media esgotou as 15 prazas dispoñibles do seu primeiro obradoiro, para o que segue a crecer a lista de espera. Esta resposta amosa, en palabras da presidenta da institución provincial, Carmela Silva, que “era unha necesidade” e, neste senso, apuntou que a Deputación pensa xa en “reforzar” o proxecto de cara ao futuro. “Eu quero dicirlle á xente que manteña a ilusión porque haberá posibilidade de participar”, subliñou.
Tras a presentación onte da iniciativa, a Editorial Galaxia, encargada da xestión das inscricións, xa recibira un “aluvión” de correos electrónicos amosando o interese de moitas persoas polas actividades da Escola, que se viu materializado hora e media despois que se activase o enderezo electrónico para formalizar as solicitudes (escoladeletras@editorialgalaxia.gal). Polo momento xa hai tamén máis de trinta as persoas en lista de agarda.
“Nós críamos que había expectativa para estas propostas culturais ligadas á escrita, pero que se esgotaran todas as prazas tan pronto e con esa lista de agarda vén dicir que tiñamos razón”, destacou Silva. “E estou encantada de que sexa así. Quero lembrar que esta Escola nace co obxectivo da permanencia e a medida que vaiamos vendo como funciona e as demandas que existen seremos flexibles e iremos posibilitando máis actividades”, engadiu.
Este primeiro obradoiro sobre Escrita Creativa será impartido polo director de Galaxia, Francisco Castro, e desenvolverase, se a situación sanitaria o permite, na sede da Deputación en Vigo (rúa Eduardo Chao, 17) os días 15 e 22 de xuño, en horario de 19.30 ás 21.30 horas. Trátase dun obradoiro de iniciación á escritura centrado no desenvolvemento da creatividade, a experimentación literaria e o pracer de escribir. Como todos os cursos que se desenvolverán nesta Escola, abordarase nunha perspectiva lúdica e participativa, porque como di o seu lema, “Todos temos unha historia que contar” e desde o minuto uno as persoas participantes estarán facendo literatura. Deste xeito, terán a oportunidade de plasmar sobre papel “todo o que caiba na súa imaxinación, literaturizar a vida, escribir poemas, relatos e contos” a partir das propostas que realizará o director.
Deste xeito, introduciranse actividades que actuarán como catalizadores da creatividade. E cos resultados obtidos (poemas, relatos, descrición de personaxes ou a literaturización dalgún aspecto da realidade), será o momento de teorizar e amosar como os grandes autores e autoras da literatura construían o seu universo de ficción. O obradoiro é, polo tanto, eminentemente práctico e participativo e ten como obxectivo escribir e gozar do feito de crear literatura, así como aprender as técnicas básicas da creación literaria. Todo o material necesario será aportado pola Escola aos e ás participantes ao inicio das actividades.
Despois, a Escola continuará a súa actividade a partir de setembro, con outros obradoiros que se desenvolverán en Vigo e Pontevedra. En todos eles ofertaranse quince prazas por curso, que se adxudicarán por rigoroso orde de entrada. Esta limitación da asistencia responde, precisamente, a que se pretende unha formación o máis personalizada posible, xa que a intención é que os e as participantes escriban.