Na fermosa illa ubicada no fondo da Ría de Vigo, no concello de Redondela, este sábado ditamináronse a XXXIIª edición do Premio Xerais de Novela, a VIIª edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e a XXXª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, todos os tres premios dotados con 10.000 euros cada un deles.
Esta festa literaria consistiu nun acto literario-musical, celebrado no Auditorio da Illa de San Simón. Á velada asistiron arredor de tres centas persoas, entre os que se atopaban Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística, en representación da Xunta de Galicia; Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG; Xosé Antonio Perozo, presidente de GALIX; Antón Pedreira, vicepresidente da Federación de librarías de Galicia; ademais de escritores, editores, libreiros, críticos, bibliotecarios, profesores e colaboradores da editorial. O acto foi emitido en directo por Internet.
Celia Torres, coordinadora e presentadora dos premios, abriu a velada e deu paso a primeira intervención de Cé orquestra pantasma, que se ocupou do apartado musical do serán. O escritor Miguel Vázquez Freire, como mantedor literario desta velada, comezou o seu discurso, titulado «Unha parábola verniana», lembrando o capítulo VIII da 2ª parte de Vinte mil leguas de viaxe baixo o mar, que leva por título «Na baía de Vigo» para dar pé despois a análise dunha serie de aporías relacionadas coa literatura dirixida á infancia e mocidade.
«Nena e o mar», de Érica Esmorís (Premio Merlín de Literatura Infantil, 2015)
O xurado da XXX edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron 33 obras, formado por Alicia Borrás (escritora), Dani Padrón (ilustrador), Daniel Landesa (escritor), Celia Pereira Porto (licenciada en dereito), Carmen Pereiro González (licenciada en Filoloxía Galega) e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas cos lemas «Aleteo Brisalinda», «Divina Sandamil», «Megumi» e «Onde só queda alguén para aguantar dos nomes». Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema «Aleteo Brisalinda», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Érica Esmorís e corresponde ao título «Nena e o mar».
«Europa Express», de Andrea Maceiras (Premio Jules Verne de Literatura Infantil, 2015).
O xurado da VII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil , dotado con 10.000 euros e no que concorreron 23 obras, formado por Anxos Rial Vidal (profesora e coordinadora dos clubs de lectura do IES de Poio), Xesús Pena Pérez (licenciado en química), Noemí Lage Redondo (alumna de 4º de maxisterio en Lugo ), Itziar Fernández Sömme (alumna de 2º de Bacharelato no IES Castro Alobre de Vilagarcía), Nicolás Teixeiro Garrido (alumno de 4º da ESO no IES Terra de Turonio de Gondomar) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas cos lemas «Europa»,«Leaena Hiems» e «Violeta».
Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema «Europa», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Andrea Maceiras e corresponde ao título Europa Express.
«De remate», de Héctor Cajaraville, Premio Xerais de Novela 2015
O xurado da XXXII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e no que concorreron 34 obras, formado por Ángel Ramiro Paz «Cano» (libreiro), Anxo González Guerra (profesor xubilado), Sofía Tarela (música), María Costa Vázquez (editora), Alejandro Costas Gándara (programador) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentados cos lemas «Adiante sempre», «De remate» e «Pedra d’ Ostral».
Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema «De remate» que, despois de aberta a plica, resultou ser de Héctor Cajaraville e corresponde ao título De remate.