Co gallo do Día do Libro, a Xunta de Galicia distribuíu este xoves en 14 hospitais da rede so Sergas un total de 4.000 libros procedentes das adquisicións da Consellería de Cultura e Turismo a editoras para o seu agasallo xeral e uso nas aulas hospitalarias. No caso do Álvaro Cunqueiro, foron 400 os exemplares entregados.
A través desta iniciativa o Goberno autonómico pretende dar visibilidade ao papel que a industria do libro galego desempeña dentro da sociedade, recoñecer o papel dos autores e fornecer dunha opción de lecer cultural, relaxación e entretemento tanto aos alumnos das devanditas aulas e as unidades de pediatría, como a aqueles pacientes que pola súa enfermidade estean en disposición e desexen ler, os seus acompañantes e persoal do Sergas.
A remesa estivo configurada de xeito maioritario por obras de literatura infantil e xuvenil en galego, e inclúe unha compilación de títulos para aproximarse ao patrimonio cultural e, especificamente, ao Camiño de Santiago, con volumes como ‘A peregrina gastrónoma’, escrita por María Canosa; pero, no seu conxunto procura cubrir a diversidade de gustos e temáticas lectoras, incluíndose títulos clásicos, obras arredor do persoeiro ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galega, Ricardo Carvalho Calero, ou monografías de sabios do país como ‘Astronomía. A ollo ceibe’ de Ramón María Aller.