A sala do restaurante de El Corte Inglés de Vigo completou o seu aforo para a presentación do novo libro de Francisco Castro: ‘Tantos anos de silencio’ (Editorial Galaxia). Hai moitos anos que Francisco Castro aparcou a súa profesión de mestre e tamén pasaron moitos anos desde que colaboraba con artigos en prensa. Pouco a pouco foi medrando como escritor á par que desenvolvía cursos de escritura por diferentes recunchos de Galicia. Pouco a pouco foi traballando e publicando as súas obras —-xa van dezaoito—-, algunhas con moito éxito e traducidas a moitos idiomas, e agora vive unha importante etapa profesional como editor da Editorial Galaxia sucedendo no cargo a Víctor Freixanes, pero sen deixar de lado a profesión de escritor.
Para a presentación de libro Francisco Castro estivo na compaña de Pati Blanco, director de comunicación dos devanditos almacéns, ademais de recoñecido e premiado poeta. A sala estaba completamente chea de admiradores do escritor. Incluso asistiron persoas chegadas de poboacións afastadas de toda Galicia. Alí podíanse ver moitas persoas coñecidas como Carmela Silva, Uxía Blanco, Xosé Manuel Piñeiro, Carme Adán, Inma López Silva, Javier Buján, Antón Bouzas e Manuel Veiga, entre outros. Botouse en falta a presenza de Antón Pulido, amigo do escritor, que no último momento non puido acudir por motivos profesionais.
O acto estivo perfectamente axustado nos contidos e nos tempos de participación, tanto do presentador como do autor, algo que todo o mundo agradeceu e que, desgraciadamente, non é o habitual en todos os actos deste tipo. O presentador subliñou os aspectos estilísticos de Francisco Castro incidindo na mestría para envolver as persoas no seu relato utilizando, ademais, diferentes rexistros e xogando cos tempos. Francisco Castro, pola súa banda, incidiu en varios aspectos: a necesidade de rachar o silencio que achantou durante tanto tempo a inxustiza dos mortos ocultos nas cunetas; o sorprendente e inxusto que España teña un enorme monumento a Franco, como El Valle de los Caídos, mentres que Alemaña borrou todas as trazas do bunker de Hitler, onde agora existe un aparcadoiro.
Tamén comentou o inxusto que son as discriminacións promovidas en España contra os homosexuais e as lesbianas por un partido fascista que ten o respaldo de milleiros de persoas que o secundan. Francisco Castro falou con concreción, sen reservas e con absoluta valentía porque, como di, esas ideoloxías medran polo silencio e el non ten intención de deixar que a voz dos fascistas se escoite máis que a súa.
O libro ‘Tantos anos de silencio’ (Ed. Galaxia), sen dúbida, será un éxito e debería ser de obrigada lectura para todas as persoas que comparten a verdadeira democracia e que pretenden defendela dos perigos do fascismo.