O relato ‘Gracítame’, de María Jesús González, é o gañador da novena edición do Certame de Relatos Vigo Histórico, organizado pola Editorial Elvira, no que participaron preto de 200 escritores de Vigo, Galicia, o resto de España e tamén do estranxeiro. O segundo premio foi para ‘Una calle cuesta arriba’, de María del Carmen Pereiro Oliveira.
A Casa Galega da Cultura acolleu este mércores a resolución do certame. No acto informativo participaron o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o editor de Editorial Elvira, Xabier Romero; e o xornalista e membro do xurado Jacobo Buceta, que foi o encargado de ler a resolución e que destacou o complicado traballo do xurado para elixir as obras.
O gañador da novena edición do certame é un escrito cheo de humor e retranca, no que se fai un percorrido dende o Vigo do Nadal ata o Cemiterio de Pereiró, no que se entra en contacto cos ilustres persoeiros que aí descansan. A gañadora desta edición é unha das escritoras habituais nos certames da Editorial Elvira e con éxito, xa que hai pouco máis de un ano gañou tamén o certame de Historias no Camiño co relato ‘Os fillos pequenos’.
O segundo premiado foi para ‘Una calle cuesta arriba’, de María del Carmen Pereiro Oliveira, quen tamén é moi fiel ao certame e ademais foi a vencedora nunha das primeiras edicións (2017), co relato ‘Nunha maleta caben todos os ventos’. A gañadora recibirá un premio de mil euros, mentres que a segunda clasificada obterá 500 euros e os catro accésits, 200 euros cada un.
As bases do Certame de Relatos Vigo Histórico marcan que o tema é libre pero Vigo ten que ter un papel protagonista nos relatos presentados. Dentro dun par de meses aproximadamente, organizarase un acto público para entregar os premios e presentar o libro Relatos na Rúa IX, no que aparecerán publicados os relatos premiados e unha ampla escolla dentro dos presentados.
Dende hai uns anos, Editorial Elvira colabora coa Fundación Igual Arte, que participa de forma moi activa tanto na gala como no libro. Pola súa banda, a editorial cede á Fundación un euro por cada exemplar vendido.
O xurado do Certame de Relatos Vigo Histórico estivo formado pola escritora Ledicia Costas, o pintor Antón Pulido, o editor Bieito Ledo, a escritora Clara do Roxo, o xornalista Jacobo Buceta, a filóloga e poeta Patricia Meira, a escritora e actriz María Lado e a política Noelia Otero Lago.
Sorpresas na décima edición
Xabier Romero destacou que este é o acto da editorial que máis ilusión lle fai, “porque me lembra todo o que facemos ao largo do ano e a ilusión que xera este certame entre os escritores e escritoras e proba diso é ver como se enche este auditorio para escoitar a resolución”. O responsable da editorial tamén destacou que o vindeiro ano cumpriremos dez anos e “haberá sorpresas”.
O alcalde de Vigo recoñeceu que lle gustan especialmente os actos que teñan que ver coa literatura e destacou que “este certame é unha idea excepcional que se converteu nunha realidade marabillosa, porque o que comezou sendo un experimento, agora xa podemos dicir que é unha acción consolidada”. Caballero felicitou a todas as persoas participantes por escribir e crear realidades paralelas, “e para cada un, o seu relato é o mellor”.