O libro «Historias no Camiño», que é o resultado final do concurso «Historias no Camiño», organizado pola Editorial Elvira e que forma parte do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia, foi presentado hoxe nun acto celebrado na Delegación de la Xunta en Vigo. No acto participaron a delegada da Xunta de Galicia, Marta Fernández-Tapias; o responsable da Editorial Elvira, Javier Romero; o xornalista e membro do xurado, Jacobo Buceta e a gañadora do concurso, María Jesús González, que fixo unha pequena lectura do seu relato. Tamén acudiron á presentación Juan Segade, de Compos Tours (autores da guía) e Sofía Iglesias e Fernando López, de Xiralúa Estudio Creativo (creadora dos mapas).
A delegada da Xunta, Marta Fernández-Tapias, despois de felicitar á gañadora e ao resto dos publicados, así como a Editorial Elvira polo traballo desenvolvido, destacou que o Xacobeo “está co deporte, coa música e tamén coa literatura”. Ademais insistiu no empeño da delegación da Xunta en Vigo en converter Vigo no epicentro do Camiño Portugués da Costa. O responsable da Editorial Elvira, Javier Romero, agradeceu a aposta da Xunta e do Xacobeo por este proxecto, para el moi especial xa que “sempre pensei que o Camiño sitúa a Galicia no globo terráqueo”. E destacou que «Historias no Camiño» é moito máis cun libro, proxecto no que estiveron involucradas máis de 50 persoas.
Pola súa banda, a gañadora María Jesús González, explicou que para ela facer o Camiño foi moi importante “xa que o fixen en solitario cunha mochila chea de medos e preguntas e que rematou en Santiago cunha mochila chea de amigos e vivencias incribles”. Por último, Jacobo Buceta, membro do xurado e autor do limiar, referiuse a enorme calidade dos escritos presentados e fixo un percorrido por diferentes libros e autores que “a través da literatura e do cine, lograron atraer a millóns de persoas ata o Camiño”.
As mellores historias presentadas
O libro recolle as doce mellores historias das presentadas ao concurso, en opinión do xurado, acompañadas por doce ilustracións de artistas gráficos galegos novos, que fan a súa propia interpretación dos relatos. Pero non pensedes que é so un libro. Conta cunha presentación moi atractiva: un contedor realizado en papel kraft no que se inclúe o libro, unha guía moi completa e orixinal do Camiño cuns mapas absolutamente diferentes, un chuvasqueiro e algunha sorpresa máis, directamente relacionado co Camiño de Santiago.
O concurso «Historias no Camiño» naceu co obxectivo de «promover o Camiño e por en valor a esencia do mesmo, destacando a súa riqueza natural e humana, ao tempo que promovemos o patrimonio cultural do Xacobeo». O prazo para a presentación dos escritos abriuse o día 13 de outubro do ano 2020 e rematou o 13 de xaneiro de 2021. O xurado estaba composto por Jacobo Buceta, xornalista; Ledicia Costas, escritora; Patricia Meira, poeta; Noelia Otero, xornalista; Clara do Roxo, escritora; María Lado, poeta; Lúa Mosquetera, filóloga galega e escritora; Rubén Romero, xestor de eventos e editor de Fosfatina Ediciones e Xabier Romero, responsable de Editorial Elvira, que foron os responsables de elixir ao relato gañador e os once máis que foron publicados.
Os 12 relatos:
- «Os fillos pequenos» de María Jesús González Rodríguez
- «Polisemia» de Isabel M. Portela
- «Castigo divino» de Laura Novelle López
- «As criadas das hospedaxes» de Mª Cristina Rey Vázquez
- «Antes» de Eduardo Rodríguez Saiz
- «Récord do mundo de abrir iogures e o eterno estudante» de Ángel Alonso e Fany Pérez
- «Secunda inventio» de Daniel Pereira Fernández
- «Océanos de area» de Marcos Dios Almeida
- «As rutas meigas do inverno» de Paula Palacios García
- «Tan preto da eternidade» de Mario Paz González
- «Caderno de pedras» de Beatriz Dourado
- «Da marca do lume» de Eilún Del Pazo Moa