A Editorial Elvira pon en marcha un novo certame de relatos, nesta oportunidade con sabor Xacobeo. O concurso, que recibe o nome de «Historias no Camiño», é un
proxecto que forma parte do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia.
O Camiño de Santiago está cheo de historias e vivencias persoais, de soños e retos, de promesas e proxectos, de risas e bágoas, de grandes obxectivos e algúns fracasos… que queremos coñecer! E precisamente iso é o que nos permitirá «Historias no Camiño», xa que os escritos que se presenten poden ser de calquera tema ou xénero, pero sempre deben reflectir situacións e historias acaecidas no Camiño de Santiago. O obxectivo é «promover o Camiño e por en valor a esencia do mesmo, destacando a súa riqueza natural e humana, ao tempo que promovemos o patrimonio cultural do Xacobeo».
Admitirase só un texto, en galego, por autor/a, cunha extensión máxima de 6 páxinas por unha cara (ou o equivalente a 12.000 caracteres con espazos), en formato DIN A4, tipo de letra Times New Roman, tamaño de fonte 12 e entreliñado 1,5. Os orixinais deberán presentarse por correo electrónico á seguinte dirección: historiasnocaminhodesantiago@gmail.com antes do día 14 de xaneiro (00:00). A resolución darase a coñecer a mediados do mes de abril de 2021 e a presentación do libro, co relato gañador e outros seleccionados, realizarase no mes de xullo.
O xurado estará composto por Antón Pulido, pintor; Jacobo Buceta, xornalista; Ledicia Costas, escritora; Patricia Meira, poeta; Noelia Otero, xornalista; Clara do Roxo, escritora; María Lado, poeta; Lúa Mosquetera, filóloga galega e escritora; Rubén Romero, xestor de eventos e editor de Fosfatina Ediciones e Xabier Romero, responsable de Editorial Elvira.
Libro e premios
A Editorial Elvira publicará un libro co relato gañador e unha selección daqueles que, a xuízo do xurado, sexan merecedores de publicación. O relato seleccionado como gañador percibirá 1.500 euros (dos que se deducirán automaticamente as retencións marcadas por lei, en concepto de dereitos de autor pola publicación do libro «Historias no Camiño». Tamén serán seleccionados polo xurado ademais do relato gañador outro grupo de textos (entre 10 e 15) cuxos autores/as percibirán en concepto de dereitos de autor pola publicación do libro «Historias no Camiño» 150,00 euros (cos descontos correspondentes)
Todas aquelas persoas interesadas en participar en Historias no Camiño, poden acceder as bases do certame no seguinte documento: