Nasín cando as prantas nasen,
no mes das froles nasín,
nunha alborada mainiña,
nunha alborada de abril.
Por eso me chaman Rosa,
mais a do triste sorrir,
con espiñas para todos,
sin ningunha para ti.
Desque te quixen, ingrato,
todo acabóu para min,
que eras ti para min todo,
miña groria e meu vivir.
¿De qué, pois, te queixas, Mauro?
¿De qué, pois, te queixas, di,
cando sabes que morrera
por te contemplar felís?
Duro cravo me encravaches
con ese teu maldesir,
con ese teu pedir tolo
que non sei qué quer de min,
pois dinche canto dar puden
avariciosa de ti.
O meu corasón che mando
cunha chave para o abrir.
Nin eu teño mais que darche,
nin ti máis que me pedir.
Hoxe celebramos o aniversario de Rosalía de Castro (Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 1837 – Padrón, 15 de xullo de 1885) en VIGOÉ cunha pequena homenaxe: un fragmento dunha das súas obras máis coñecidas, o libro Cantares gallegos (1863), e unha ilustración de Evaristo Pereira de la Torre.
Vigo conmemorou este 24 de febreiro o nacemento de Rosalía de Castro con recitado dos seus poemas en distintas linguas -coa colaboración de profesorado e alumnado de colexios e da Universidade-, coa proxección dos seus textos nos autobuses urbanos e cun paseo literario virtual polo Vigo da autora.
O alcalde relatou as propostas municipais programadas para o Día de Rosalía. A canle de YouTube do Concello de Vigo alberga desde o mediodía o recitado de poemas da autora en diferentes linguas, entre as que se atopa o alemán, o checo ou o chinés, entre outros, “poñendo de relevo a universalidade de Rosalía”, manifestou. Para esta acción, contouse coa colaboración da Fundación Rosalía de Castro, da Biblioteca municipal Neira Vilas e do profesorado e alumnado da Escola Oficial de Idiomas e dos colexios Don Bosco, da EPA do Berbés, o Salesianos, o Otero Pedrayo, as Calasancias, o Pintor Laxeiro e o Vicente Risco, ademais de estudantes do programa Erasmus na Universidade de Vigo.
Ademais, as pantallas dos autobuses urbanos da cidade proxectarán ata o 3 de marzo poemas de Rosalía e tamén os versos que Curros Enríquez e Ramón Cabanillas adicaron á poetisa. Por último, o Concello organiza un paseo literario virtual polo Vigo de Rosalía, a través da app Vigo e da páxina web municipal, no apartado do servizo de Normalización Lingüística. “Sempre que se trate de Rosalía, Vigo vai estar presente”, concluíu o alcalde, por ser “parte central da historia de Vigo e de Galicia”.