“Cómo se dibuja una bruja”, “Cómo se dibuja una bicicleta”, “Cómo se dibuja una ballena” son algúns dos alegres e divertidos poemas de Gloria Fuertes, que facía do absurso, das repeticións e dos xogos de palabras unha ferramenta para divertir o público infantil. Na actividade deste venres recitaranse os seus versos e os asistentes debuxarán os personaxes que os protagonizan, seguindo as instruccións da propia autora.
Gloria Fuertes, que foi galardoada cun diploma de Honra do Premio Internacional Hans Christian Andersen en 1975, sostiña que “é importante que os nenos lean poesía, e máis que importante, necesario”. As súas obras forman parte da memoria colectiva de toda unha xeración de mozos e adultos -tamén a través da participación da poeta en programas de televisión como “La cometa blanca” e “Un globo, dos globos, tres globos”- e aínda teñen moito calado na infancia do século XXI.
Do laureado ilustrador Miguel Ángel Pacheco -Premio Nacional de Ilustración en 1980 e 1983, Premio Nacional de Literatura Xuvenil en 2001 e Premio Lazarillo en 1996- destaca igualmente o seu paso por programas tan emblemáticos como “La bola de cristal”, no que foi director de arte e creador da imaxe dos Electroduendes.
Animais, personaxes, oficios, paisaxes ou obxectos irán tomando forma no papel a través das mans dos rapaces, ao tempo que soan os singulares poemas de Gloria Fuertes, da que o ano próximo se cumprirá o centenario do seu nacemento.