As obras cos títulos Detective Ferruchi, I’m Obélix e Milú e o edificio das persoas extraordinarias resultaron gañadoras do XLI Premio Xerais de Novela, o XVI Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e o XXXIX Premio Merlín de Literatura Infantil.
As autoras dos textos son Marta Villar, Raquel Fernández Fernández e Abel Tomé, respectivamente. Cada un dos galardóns ten unha dotación de 10.000 euros.
Detective Ferruchi, de Marta Villar, Premio Xerais de Novela 2024
O xurado da XLI edición do Premio Xerais de Novela acordou declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema Detective Ferruchi. Tras abrir a plica, a autora resultou ser a xornalista e escritora Marta Villar e o título da novela será o mesmo que o lema. A decisión foi tomada por unanimidade.
Tras moitos anos fóra, Sol Cortés regresa a Umeiro, a súa vila natal, e monta unha libraría. Poucos días despois da apertura, aparece brutalmente asasinado Xan Sequeiro, un veterinario insociable e introvertido pero a quen toda a veciñanza admiraba pola súa capacidade e sensibilidade no trato cos animais.
A investigación deste asasinato conforma o núcleo dunha trama rica e heteroxénea tecida con fíos narrativos de emoción, enxeño e intensidade. Os numerosos personaxes, peculiares e sorprendentes, interactúan con naturalidade na historia mediante uns diálogos fluídos e espontáneos onde, unhas veces con humor e outras con gravidade, van infiltrando na novela diversos temas que levan a reflexionar de forma crítica sobre os comportamentos xerais da sociedade actual.
A utilización dunha voz narradora limpa e aguda consegue manter a intriga dende o comezo a través dun ton cómico e paródico pero tremendamente eficaz.
O xurado estaba composto por Celia Fernández (libreira en Espazo lector Nobel Ourense), Lucía Madarro (adestradora deportiva e bookstagrammer en @lumadoito), Asun González (graduada en Filoloxía Hispánica), Sergio Álvarez (ex futbolista e actual conselleiro do Real Club Celta de Vigo), Pedro Iturburua (profesor xubilado de Lingua e Literatura) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
Nesta edición presentáronse 35 obras ao premio. Ademais, o xurado recomenda a publicación da novela finalista que se presentou baixo o lema Nena de auga.
Marta Villar (Malpica de Bergantiños, 1973) é xornalista e integrante de consello de redacción da Revista Cultural Mallas da Area, de Bergantiños. En 2020 conseguiu o Premio Tiflos de Xornalismo e resultou finalista no XLI Premio de Xornalismo Julio Camba Afundación. Foi finalista tamén nos certames de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal nas edicións de 2021 e 2022, así como no Premio de Poesía Gloria Fuertes do Concello de La Rinconada (Sevilla) de 2021. En 2023 publicou a súa primeira novela Non temerás os coches amarelos, editada en Xerais. Con Os peidos máxicos de Sultán, publicada por Xerais hai só unhas semanas, estreouse no eido da literatura infantil.
I´m Obélix, de Raquel Fernández Fernández, Premio Jules Verne 2024
Pola súa banda, o xurado da XVI edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil declarou gañadora por unanimidade a obra titulada I’m Obélix, que resultou ser da autora Raquel Fernández Fernández.
O xurado estaba composto por Pedro Rodríguez Villar (xornalista e escritor), Ana Domínguez Rodríguez (bookstagrammer en @toxinhobooks), Antela Cid (actriz), Nanda Misa (costureira e contacontos), Giovanna Davila González (mestra) e Ramón Domínguez Veiga (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto. Ao premio presentáronse 34 orixinais.
I’m Obélix conta como Isma, un rapaz de 13 anos, afronta o seu primeiro ano de instituto cun cambio significativo na súa vida: unha diagnose de TDAH. O que, en principio, semella algo positivo para a familia, xa que chega acompañado de respostas e mesmo de certo alivio, converterase nun drama no ámbito escolar, onde o protagonista terá que enfrontarse ao descoñecemento e á falta de sensibilidade do alumnado e de certo sector do profesorado.
O xurado do XVI edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil valorou o ritmo que a autora consegue manter ao longo de toda a novela. Raquel Fernández Fernández crea unha estrutura que nos fai empatizar, sufrir e, ao mesmo tempo, sentir esperanza co protagonista, pero que tamén nos permite coñecer, e mesmo chegar a comprender, os responsables da súa situación.
O xogo con varias voces dálle, ademais, unha inmensa riqueza á narración, e introdúcenos nun mundo común para os adolescentes: o día a día do instituto.
A forza do argumento, a axilidade, o manexo da lingua e as continuas referencias a cómics e videoxogos fan de I’m Obélix unha novela completa e absolutamente atractiva para a rapazada.
O xurado do XVI Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil recomenda tamén a publicación das obras finalistas, presentadas baixo os lemas Emily e A irmá pequena.
Raquel Fernández Fernández (Nigrán, 1972). Exerce no sector da restauración como propietaria dun restaurante no Val Miñor. Escribe dende nena e é lectora voraz dende que acorda. Acadou máis dunha quincena de premios literarios. Entre os que destacan o 1º Premio das Mulleres Progresistas de Vigo, (2017 e 2019), o Certame Literario do Concello de Ames (2020, en Poesía e en Narrativa) e o 1º Premio de relatos a prol da igualdade do Concello de Melide (2021) e o 2º Premio Manuel Orestes de Poesía (2021). Resultado destes premios publicou en varias antoloxías. A súa primeira novela publicada é Contas de buxo (2024).
Milú e o edificio das persoas extraordinarias, de Abel Tomé, Premio Merlín 2024
Por último, a obra gañadora do XXXIX Premio Merlín de Literatura Infantil é Milú e o edificio das persoas extraordinarias, escrita por Abel Tomé. Así mesmo, o xurado recomendou a publicación da obra finalista presentada baixo o lema Lenda e Noite.
O xurado, que realizou o seu veredicto por unanimidade, estaba formado por Alba Blanco Boga (libreira da Librería Seijas), Miguel García-Fernández (historiador e bookstagramer en @lectureo), Andrea García Martínez (escritora e ilustradora), Laura Romero (ilustradora e música. Actual presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración), Victoria García (mestra e escritora) e Anaír Rodríguez (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto. Ao premio presentáronse 34 obras.
Milú vive coa súa nai na cidade de Parisia, no edificio Les Marginaux, onde todos os nenos que o habitan posúen un don que os fai extraordinarios. Na mesma cidade hai tamén un grupo de persoas que cre que o país onde viven só lles pertence a elas e que os veciños de Les Marginaux non forman parte del polo simple feito de naceren noutros lugares do mundo.
Coa escusa de que o edificio está estartelado, as autoridades mandan un aviso para que se desaloxen as vivendas canto antes. Pero Milú e os outros nenos e nenas teñen un plan para tentar evitar que os expulsen dos seus fogares.
A través da ollada inxenua e desbordante de fantasía do neno narrador, cun estilo cargado de lirismo e humor, unha narración rica en detalles, combinada co ritmo dunha acción ben tramada e cun mosaico de personaxes tan extravagantes coma tenros, a obra gañadora do Premio Merlín 2024 configúrase coma unha luminosa fábula social, con reminiscencias rodarianas, sobre o poder da imaxinación infantil para soñar un mundo mellor.
O optimismo e a fantasía inherentes á infancia convértense nun antídoto contra a intolerancia e o odio, e fan posible o milagre de transformar en tenrura, audacia, amor, humor e esperanza a tráxica realidade que padecen a diario multitude de persoas, vítimas das grandes desigualdades do mundo.
Abel Tomé (Outes, 1984). Estudou xornalismo. Coa súa primeira novela A Noite do Corvo (2018) é finalista no premio Illa Nova de Narrativa, galardón que consegue o ano seguinte con A Noite do Lobo (2019). Hai só uns meses resultou gañador do Premio de Novela Manuel García Barros pola terceira parte desta triloxía, A noite do Oso. Ademais, Liliam Strawberry e o paxaro da morte (Xerais, 2023), foi a súa primeira incursión na literatura infantil, unha obra coa que xa quedara finalista do Premio Merlín en 2022.