VIGOÉ fai unha viaxe polos recordos da infancia e da xuventude de Xosé Luís Méndez Ferrín, a figura viva da cultura galega máis relevante. Na conversa con Ferrín tamén falamos da súa labor docente, de política, da súa actividade como escritor, da súa opinión sobre personaxes históricos e actuais, e tamén falamos de cultura, de Galicia, e de Portugal. Este é Ferrín, entrañable, culto, erudito, comprometido, simpático, intelixente, agudo e, cando lle convén, evanescente nas respostas.
– De quen ven sendo Xosé Luis Méndez Ferrín?
Eu procedo da clase media ourensana e vivín en Vigo, en Compostela… E ista é a miña procedencia.
– Que recordos ten da súa infancia?
Pois unha visión moi clara da guerra. Eu nacín en plena guerra, no ano 38. Entonces recordo os portales e os sótanos pintados con sinales de refuxio antiaéreo, os cristales cruzados con aspas polos bombardeos… Non hubo bombardeos nin en Ourense nin en Vigo, pero estaban así as cousas. Teño esa vivencia da guerra. E da Segunda Guerra mundial, pola radio, fundamentalmente. Nós, dependíamos moito da radio, na miña casa. Da primeira é unha memoria oral, e da guerra de España. Pero da Segunda Guerra Mundial teño unha memoria viva. Recordo ao locutor de Radio Nacional de España. Estou oíndo ao locutor. Que creo que era un Prat ou un Mariñas. ¡Cuartel General del Furher! Estaba derrotado e aínda decía que estaban resistindo. E na miña casa todo o mundo oíndo a radio e ríndose.
– Cales foron as súas primeiras lecturas?
En Ourense chamábanse “chistes”, pero no resto de Galicia chamábanse “Tebeos”. Pois as primeiras lecturas foron uns tebeos que chamábanse “Cartapacio y Seguidilla” e outro que chamábase “Hipo, Monito y Fifí”, así, como sona. Gustaría me velos. Pero enseguida pasei a “Roberto Alcázar”, a lectura seria.
– Onde estudou, infancia, bacharelato, universidade…
Estudei en Ourense e cando o meu pai estaba destinado en Pontevedra, que era xuiz, nos Salesianos.
– Que anécdotas recorda daquelas etapas?
Era un ambiente demasiado clerical, para o meu gusto. Na miña casa non me mandaron a Falange nin nada diso. Pero a educación estaba moi condicionada polo clero, e non era moi agradable.
– Foi un mozo rompecorazóns?
Rompéronmo a mín, moitas veces.
– Vostede é aficionado aos cabalos, unha afición que ven da súa infancia.
Si. Remotamente, si. Había moitos cabalos en Ourense, nas feiras…
– Os bota de menos?
Non porque cumplín a etapa.
– Algunha moza que lle inspirara á hora de escribir?
Non en especial, sempre fixen abstracción diso.
– Vostede foi profesor de Literatura Española nun instituto de Ensino Medio de Vigo, “Santa Irene”. Como faría un balance daqueles anos?
Magnífico. Fixen unhas oposicións que costáronme moito traballo, pero despois compensou porque pasei toda a miña vida docente, ou case toda, no “Santa Irene”, de Vigo, o cal foi una satisfacción para mín.
– Vostede foi profesor de Humberto Baena, un dos derradeiros fusilados do franquismo. Como recorda vostede a Baena?
De Humberto Baena, e de Xosé Ramón Reboiras, e de toda unha xeneración que ten víctimas. Víctimas que non son debidamente recoñecidas. Recordo a Baena, concretamente, como un rapaz moi íntegro, con moita sensibilización política e social. Consultábame os pasos que daba en política, e non me facía caso ningún. Pero deso se trataba todo.
Eu son marxista en sentido amplio
– Se considera inconformista ou progresista?
Un pouco de todo. Conformar hai que conformarse para sobrevivir. A utopía, o desexo de cambio hai que mantelo incólume, o horizonte de cambio.
– Como se definiría políticamente?
Eu, marxista.
– Existe algunha influencia familiar no seu pensamento político?
Si. Familiar e de profesorado. Meu pai, meu avó materno. A biblioteca da casa. Con referencias éticas e políticas importantes. Meu pai era anticomunista, pero era dun antifascismo feroz. Algo que era bastante común. Eu creo que no fondo tiña medo que eu me metera en líos.
– Vostede foi detido na época franquista. Foi torturado?
Non, torturado, o que se pode dicir torturado, non. Na época franquista e despois de Franco, no mil novecentos oitenta e pico, aplicáronme a Ley Antiterrorista. Pero torturado, maltratado físicamente, non.
– Capitalismo, anarquismo, marxismo, leninismo, estalinismo, troskismo… Cal prefire vostede?
Pois eu son marxista con criterio amplio.
– Vostede participou na formación da UPG (Unión do Pobo Galego), que logo transformouse no PGP (Partido Galego do Proletariado), logo na creación de Galicia Ceibe, grupo independentista, e actualmente forma parte do Frente Popular Galego (FPG). Coa súa longa traxectoria política que diferencias ve vostede entre o galeguismo actual e o galeguismo de Castelao?
Eu estou dacordo co galeguismo de Castelao en todo. En todo, fundamentalmente, en que considera que Galicia é unha nación que ten dereito a autodeterminación. Eu estou dacordo.
Polo moito que odian a Pedro Sánchez debe ter algo de bo
– Salvaría algún político galego de toda a etapa democrática?
Non sei que decirche. Na etapa democrática houbo un sometemento a un status que foi o réximen do 78, ao que todos se someteron.
– Como imaxinaría unha Galicia formando parte de Portugal?
Ben. O que pasa que non está na axenda histórica. Non estaría mal. En realidade, sería unha recuperación dunha unidade cultural e histórica. Portugal naceu cunha excisión do Reino de Galicia.
– Que opina vostede da relación actual de Galicia con Portugal?
Prácticamente non existe. En Portugal non a reconocen como nación, salvo minorías moi exiguas. En realidade non existe relación na actualidade.
– Como ve Ferrín a democracia española?
Como un réximen transitorio que está en crisis, crisis profunda. Está diante dos nosos ollos. Cada día hai un follón.
– Existe libertade real na España actual?
Existen algunhas liberdades, outras non existen. Non hai pleno emprego…, poño por caso.
Manuel Antonio é un exemplo de valor político na definición de Galicia independentista
– Que lle queda máis cerca a Ferrín, Lisboa ou Madrid?
A mín quédanme igual. Coñezo mellor Madrid que Lisboa, pero Lisboa ten un encanto romántico e histórico que non ten Madrid. Ideolóxicamente depende de quen esté en Lisboa, claro.
– Pensa que Vigo debería ser a capital de Galicia?
Si. Unha das razóns é pola súa posición, que está enfronte de Nueva York e está a 35 quilómetros de Portugal. Xa son duas boas razóns. E está entre a montaña e o mar, hai cabalos salvaxes e illas salvaxes. E é a primeira cidade industrial de Galicia.
– Gústalle o cine?
Si.
– Cal foi a derradeira película que viu?
Pois onte pola noite. “Dez negritos”, unha adaptación de Agatha Christie que non me gustou nada.
– Gústalle a música galega actual?
Depende de que música galega actual sexa. Unha si e outra non.
– Que opina do grupo Tanxugueiras?
Entusiasmo. Entusiasmo porque son simpáticas, vivas, e creativas. E aturuxan moi ben. Cando se está perdendo o aturuxo elas sacan o aturuxo.
– Pensa que a literatura galega actual é igual de comprometida que a de fai corenta anos?
Noi sei, non sei si é igual de comprometida. A literatura galega actual está nun momento de crecemento, pero leva estando desde todo o século vinte.
– Como ve Ferrín a Real Academia Galega?
A Real Academia Galega é unha institución que ten que existir, que existe, que ten unha historia, e que debía ter unha maior independencia.
– Por que o galego distanciouse do portugués, quizá por medo a que o indenpendentismo galego tomara forza?
Pola mesma razón que o portugués distanciouse do galego. Ao vivir en estados políticos diferentes, e non haber relacións nin en plan do ensino nin en política lingüística común…
– Pero na época de Fraga promoveuse un galego cunha normativa claramente distanciada do portugués…
Claro, é que o galego está distanciado do portugués, na fala. Eu non digo “já”, digo “xa”. Polo tanto teño que escribir de forma diferente. Eu non digo “rossa”, digo “rosa”, e o escribo cunha sola ese.
– Cal é o futuro do galego?
O futuro do galego é o que o pobo galego queira.
Que opinións breves lle merecen estas persoas:
– Franco
Horror.
– Manuel Fraga Iribarne
Un criado do horroroso.
– Alberto Núñez Feijóo
Nada. Non me merece opinión ningunha. Estou fora do seu mundo.
Galicia é unha nación con dereito á autodeterminación
– Pedro Sánchez (presidente do Goberno de España)
Polo moito que odian debe ter algo de bo.
– Yolanda Díaz (ministra do Goberno de España)
O mesmo che digo. Aparte diso é amiga miña.
– Camilo José Cela
Camilo José Cela é un escritor colosal.
– Torrente Ballester
Tamén, un bo escritor.
– Cunqueiro
Tamén.
– Rosalía de Castro
Excepcional. Ademais, cun valor simbólico político que non teñen os anteriormente mencionados.
– Castelao
Igual.
– Manuel Antonio
Manuel Antonio é un exemplo de valor político na definición de Galicia independentista, que poucos escritores tiveron. E ao mesmo tempo un exemplo de adopción pola vangarda.
– Francisco Fernández del Riego
Un gran amigo e un gran militante do nacionalismo.
– Alfonso XIII
Non andaba eu por alí, aínda.
– Juan Carlos I (Rei Emérito)
Etabamos en contra do rexime que él encabezou por encargo de Franco.
– Felipe VI (Rei de España)
Igual.
– Que opina Ferrín do feminismo?
A miña visión do feminismo é a de Engels en “El origen de la familia, la propiedad privada y el Estado”. As mulleres pasaron por etapas. O sexo feminino —non vou dicir o xénero, que iso é inglés—, o sexo feminino coñeceu momentos de preponderancia na prehistoria, con momentos de igualdade, e agora o sexo feminino e o masculino tenden á igualdade. Sería absurdo que non fora así. A condición é a mesma, as capacidades son as mesmas, entón é absurdo que non haia igualdade.
– E do movemento LGTBI+?
Non sei. Non o coñezo de cerca, pero a mín paréceme que as tendencias sexuais que non comporten asovallamento, nin violencia nin maltrato dun ser humano por parte doutro ser humano, pois todas son lexítimas. Se a xente se divirte, pois que faga o que queira, se llo pide o corpo…
– Vostede ten moitos amigos e admiradores, pero seguramente tamén ten enimigos. Vostede é reconroso?
Non. Creo que non.
– Que prefire, poesía, narrativa ou ensaio?
Indiferente.
– Existe algunha influencia familiar nas súas obras?
Dos meus pais, dos meus amigos e amigas e, sobre todo, da miña muller.
– Vostede ten unha extensa obra publicada e colaboracións na prensa. De todos os libros que publicou, con cal se quedaría?
Con todos e con ningún. Todos teñen algo que me interesa. Pero ningún ten ese carácter de definitivo que me gustaría ter nalgunha obra e que xa non conseguirei nunca.
– Quédalle algunha cousa pendente de publicar na recámara?
Si, hai cousas. Pero como non quixen, e sigo sin querer… Porque non me enchen e non as vin oportuno publicar, e van destinadas a perderse.
– Ten futuro a revista “Trabe de Ouro” sen Ferrín?
Si, se non a facemos nós, unha revista como a “Trabe”, de pensamento crítico é necesaria. Unha ou máis de unha.
– Considera un privilexio nacer e vivir en Galicia?
Si.
– Como lle gustaría que fora Galicia dentro dun século?
Como Europa e como o mundo, socialista.
A democracia española é un réximen transitorio en crisis profunda
– Quédalle algo que non puidera decir ata agora?
Eu creo que mais ou menos fun dicindo todo o que me pareceu ben.
– Escritor, profesor, académico, político… Con cal se queda?
Todo vai xunto.
– Agora, coa vista posta no conxunto da súa vida, como foron evolucionando as súas ideas políticas?
Pois foron evolucionando cara á complexidade e sempre en combate co escepticismo. Eu teño unha tendencia escéptica que combato con desexos, non con certezas. Desexos de cambios, e isos van condicionándome.
– Como lle gustaría ser recordado?
Ténme sen coidado. Si me están recordando, que xa non estou eu, de maneira que… Non o pensei nunca.
Relación de obras de Xosé Luís Méndez Ferrín
Poesía
- 1957 – Voce na néboa
- 1972 – Antoloxía Popular. Co pseudónimo de Heriberto Bens.
- 1975 – Sirventés pola destrucción de Occitania.
- 1976 – Con pólvora e magnolias.
- 1980 – Poesía enteira de Heriberto Bens.
- 1982 – O fin dun canto.
- 1992 – Erótica.
- 1994 – Estirpe.
- 2002 – O outro.
- 2004 – Era na selva de Esm.
- 2005 – Contra Maquieiro.
Narrativa
- 1958 – Percival e outras historias.
- 1961 – O crepúsculo e as formigas.
- 1964 – Arrabaldo do norte.
- 1971 – Retorno a Tagen Ata.
- 1974 – Elipsis e outras sombras.
- 1976 – Antón e os inocentes.
- 1980 – Crónica de nós.
- 1982 – Amor de Artur.
- 1985 – Arnoia, Arnoia.
- 1987 – Bretaña Esmeraldina.
- 1988 – Vigo, fronteira do alén.
- 1991 – Arraianos.
- 1999 – No ventre do silencio.
- 1999 – Fría Hortensia y otros cuentos.