Segundo a escritora e directora de obradoiros literarios, “en Vigo non existen certames literarios por ningunha institución, agás o da editorial Elvira, e por iso ten tanta importancia esta iniciativa do Catro a Catro”. Do Roxo subliñou, neste sentido, que hai que agradecerlle ao “De Catro a Catro a súa aposta pola cultura e polos novos valores literarios”.
Pola súa banda, o escritor Amadeo Cobas, e tamén membro do xurado, explicou o proceso se desenvolverá até o 26 de maio, data na que se celebrará a final do certame. Ademais, terán lugar catro eliminatorias previas, os días 27 de xaneiro, 24 de febreiro (especial Entroido), 31 de marzo e 28 de abril, todas elas ás 10 da noite no café De Catro a Catro.
Destacou que o prazo para a admisión dos orixinais rematará o día quince de cada mes, ás 23:59 horas. Aqueles orixinais recibidos con posterioridade ao día e hora de remate, entrarán no concurso do mes seguinte.
Por outro lado salientou que haberá dous premios. Un primeiro premio outorgado polo xurado, que consistirá en 300 euros; e outro outorgado polo público congregado, consistente en 200 euros.
Os relatos deberán estar escritos en galego, terán que ser orixinais e inéditos, non premiados con anterioridade, cunha extensión mínima de 1000 e máxima de 1500 carácteres, espazos incluídos. Presentaranse en formato Word con tipo de letra Times New Roman, tamaño 12, a dobre espazo. Serán enviados ao enderezo de correo electrónico microcatrorelato@gmail.com indicando en “asunto” o título do relato, que se repetirá no encabezamento do mesmo, e sen ningunha identificación do seu autor/a.
Ademais de Clara do Roxo e Amadeo Cobas, o xurado tamén estará integrado pola mestra Mari Carmen Casal e Ángela Costas, gañadora do certame Microcatrorelatos de 2016.