Escritor sobre todo de literatura infantil e xuvenil, poeta e activo animador sociocultural como contacontos para os máis novos da casa, Miguel Ángel Alonso é un exemplo de amante da escritura, devocional e incansable, que ademais practica o contacto estreito cos seus lectores e lectoras. Un tipo de actividade de proximidade que obviamente sufriu as consecuencias da pandemia do coronavirus. Falamos diso, así como do sector e dos seus proxectos persoais.
-Imos comezar falando do teu último proxecto, e daqueles nos que te atopas embarcado a hora de fronte ao futuro.
– “Unha folla vermella” é o último libro nacido da factoría Alonso Beloso. Neste mes de setembro comezará a camiñar. Publicase grazas ao apoio de moitas persoas, ás que estamos moi agradecidos, mediante o sistema de micro mecenado – crowfounding na páxina Verkami.
Non é a primeira vez que optamos por este sistema. Os primeiros libros auto editados en Galicia baixo o micro mecenado foron nosos: “O cullarapo Croque (2012)” e “A nena á que non deixaban ser feliz (2013)”. Son libros que hoxe en día viven en países como Puerto Rico ou México.
No caso de “Unha folla vermella”, Luz Beloso mais eu creamos un álbum ilustrado dirixido a adultos que camiña entre a narración poético visual e a narrativa; cun ollo no cómic e nos traballos de Shaun Tan. Gústanos crear creativamente e sempre estamos explorando formas diferentes de expresarnos.
Agora mesmo teño varios libros rematados; agardo que un deles saia da man da Editorial Xerais o ano próximo, e estou canda Luz Beloso dando forma a un álbum ilustrado que leva tempo escrito e do que xa recollemos impresións moi positivas.
-Para os teus libros traballas en relación estreita con ilustradoras e ilustradores, é unha interrelación moi interesante, e sobre todo no caso de Luz Beloso case podemos falar da túa ilustradora de cabeceira. Como é o voso método de colaboración nas obras?
– Pois hoxe mesmo botamos boa parte do día en contacto, xa sexa con chamadas, correos, fotos ou mensaxes de voz. Todo parte dunha idea que pode xurdir dunha conversa que temos, dunha necesidade que detectamos ou do compromiso de incidir nunha realidade para axudar a transformala. As artes como elementos de cambio, e penso en Gabriel Celaya ou en Celso Emilio Ferreiro cando digo isto.
No caso do último libro publicado eu quería que o texto fose mínimo e que a ilustración levase unha maior carga narrativa. Isto só pode conseguirse se tes un enorme grado de complicidade e compenetración escritor/a – ilustrador/a.
Considérome unha persoa moi afortunada por formar parte do proceso. Para min é máxico vivir tan de preto a ilustración dun libro, ser participe… Son un amante de pintura, do cómic, da ilustración desde que lembro ser. Non che é difícil imaxinar, Octavio, o que sente o neno que habita en min.
A comunicación flúe en ambos sentidos, e se é frecuente que o texto estea escrito e que a partir del edifiquemos a ilustración, tamén exploramos o camiño contrario. O interesante é retarnos, aprender e lograr que o resultado final non sexa o que eu, ou Luz, poida ter na cabeza, senón algo distinto que nos transcende.
-É evidente que para un creador, un xerador de cultura, a crise do COVID supuxo un choque. Como xestionaches os meses de confinamento?
– Con responsabilidade, paciencia e moita creatividade. Recuperamos intres moi especiais como os almorzos tranquilos en familia; sen televisor, só nós falando. Xogamos, fixemos un vídeo poema “Regresaron as palabras” (grazas a colaboración de marabillosos amigos e amigas poetas que nos prestaron a súa voz e a Luz que fixo a montaxe); gravamos poemas para as Bibliotecas Municipais da Coruña e para o Faro da Escola; fíxemos acampadas con contos no salón da casa; rodamos unha curta dentro das actividades da Escola Municipal de Teatro de Vigo (gran labor a súa); pintamos e rematei un libro, entre outras cousas.
A creatividade é unha ferramenta estupenda que nos permitiu tamén gozar de días de non facer nada. Os intre de aburrimento tamén son necesarios (sorriso).
-Ti tes un vínculo, como autor, co lector infantil. Pensas que a literatura para os máis pequenos foi unha axuda durante o confinamento?
– Si, sen dúbida. Todas as artes en xeral foron de moita axuda. A rapazada cunha maior formación artística é máis doado que atope estímulos, motivacións…como dixo a miña filla maior: “os nosos corpos teñen que estar encerrados pero as nosas mentes non”.
-Interésame tratar o tema do contacto cos máis pequenos. A túa actividade ten nas presentacións e contacontos un peso claro, e aínda que non é a túa faceta única, si que debes estar en contacto con conta contos, un tipo de traballo que obviamente sufriu un parón radical. Como foi para este tipo de actividade a desescalada?
– Dura. Moi dura. Compañeiros conta contos, músicos ou de artes escénicas, entre outros, viron como os seus ingresos pasaron a ser, en moitos casos, de cero euros. Todas as nosas actividades se viron afectadas xa que moitas actuacións non foron adiadas senón que se cancelaron. Podes entrever o complexo escenario para moitos de nós.
Paralelamente a isto, nas redes, houbo quen creou contidos, actuou, valéndose da tecnoloxía, e participou de diversas iniciativas coa finalidade de que a situación fose máis soportable para todos, non só para os pequenos e pequenas das casas. Foi un dicir: “ollade agora a importancia do que facemos. A importancia da arte e da creatividade”. Todas eramos Frederick espallando raios de luz, cores ou palabras.
Moito me temo que, a pesar disto, a valoración por parte da sociedade de todas estas profesións ha ser a mesma que antes do confinamento.
-Neste sentido, de presentacións e conta contos de literatura infantil, cal é a posición de Vigo dentro da escena da literatura infantil e en Galicia …
– Hai vida porque Vigo é unha cidade dinámica. Hai editoriais galegas de importancia que teñen a súa sede na nosa cidade e sobre todo hai librarías coma Cartabón, Libros para soñar, entre outras, e bibliotecas como a Neira Vilás ou a Juan Compañel que se ocupan de organizar presentacións, conta contos e mesmo os difunden mediante as redes sociais.
O Servizo de Normalización Lingüística de Vigo con Marta Souto á cabeza tamén leva moitos anos desenvolvendo un relevante labor neste sentido, a pesar de que o concello suprimiu hai uns anos, por exemplo, as actividades que se viñan realizando nos centros educativos.
-As actividades presenciais, presentacións e contacontos volveron a darse, ou de momento e xustamente polas datas (verán) e o público potencial, infantil, están paradas?
– As concellarías de Festas e de Normalización lingüística organizaron en agosto un programa de actividades para o público infantil nas que atopas contacontos, teatro, música… Creo que foi unha medida acertada porque achegou este tipo de actividades a diversos barrios e parroquias. Eu participei nelas e podo dicir que o comportamento de todas as persoas que asistiron foi marabilloso, e moitas persoas verbalizaron o seu agradecemento pola iniciativa.
-Houbo opcións, polo menos durante o peche, como vídeo contos?
– Si que houbo persoas que fixeron algo neste sentido. Mesmo se organizou un Festival Virtual do Libro en Galicia – FLIV 2020 no que participei tanto recitando contos -poemas como de publico.
Tamén destacaría, de novo, ás Bibliotecas Municipais da Coruña que estiveron e están moi activas. Eu, como xa dixen, gravei varios poemas para eles.
-Contastes con algún tipo de apoio institucional?
– Non, polo menos no meu caso.
-As actividades presenciais en bibliotecas e librerías rexeranse, en todo caso, c os protocolos habituais, aínda que se falamos de nenos pequenos, a cuestión pode ser máis difícil aínda.
– Nas contadas de verán podo dicir que a acatamento das normas por parte de adultos e da rapazada e o comportamento antes, durante e despois das actividades foi exemplar. Neste sentido únome as voces que din “a cultura é segura”.
-Unha situación obviamente especial, pero que non diminúe unha certeza: as presentacións directas de literatura aos nenos e nenas son moi importantes, un primeiro contacto coa literatura que pode marcar.
– Para min son alimento para a alma. E de non poder facerse presenciais, teremos que buscar novas canles de chegar á rapazada. Encontros virtuais por exemplo. A formación artística debe estar presente nas aulas, así como aquelas materias que axudan a desenvolver o pensamento creativo, o pensamento crítico.