O xornalista Miguel Martín presenta este martes o seu primeiro libro, ‘Mururoa’. O acto terá lugar na libraría Librouro de Vigo, ás 20.00 horas desde 12 de setembro. O autor estará acompañado de Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia
A novela forma parte da colección Costa Oeste. Trátase dunha obra que afonda no comportamento humano, tanto individual como colectivo, diante de noticias que nos afectan no máis profundo do noso ser coma se fosen a explosión dunha bomba atómica.
Nesta historia, unha rapaza, Iria, desaparece sen rastro ningún, pero deixa un profundo desacougo na súa familia que, de súpeto, aprende que significa a palabra “amor” logo dunha vida en que cada quen ía ao seu. A desaparición da moza levará a todos a reflexionar sobre os seus sentimentos e a dependencia que temos cos que nos rodean. Ao tempo, algo pasa na vila, que tronza o cotián e que lembra ás xentes do lugar a nosa vulnerabilidade máis absoluta fronte a unha falsa sensación de protección.
Miguel Martín (Ponteareas, 1976) é xornalista de vocación e profesión. Durante 18 anos foi o rostro dos informativos locais en Televigo, onde entrevistou a xente da cultura, da economía e da sociedade da cidade olívica. Tamén traballou varias temporadas como correspondente deportivo en Vigo para a axencia EFE, seguindo a actualidade do Celta e asinando as crónicas dos seus partidos en Balaídos, entre outros traballos.
Agora dedícase á política municipal na súa cidade como concelleiro. Vive en Bouzas, afastado, o que pode, das redes sociais, e no tempo libre ve cine e escribe. ‘Mururoa’ é a súa primeira novela publicada.