A Universidade de Vigo (UVigo) ven de publicar o libro “No fondo dos espellos”. Trátase dunha obra recopilatoria dos traballos periodísticos do profesor Xosé Luis Méndez Ferrín publicados no Faro de Vigo entre os anos 2007 e 2020, nun espazo do mesmo nome. A selección de artigos foi realizada polo profesor Fernando Ramallo, director da Área de Normalización Lingüística da universidade viguesa e o resultado é un libro de 480 páxinas —de prezo moi asequible— que contén máis de douscentos artigos de temas variados que van desde a gastronomía ata a política, pasando pola historia e a literatura, entre outros.
A sección periodística “No fondo dos espellos”, de Méndez Ferrín, publicábase os sábados no Faro de Vigo e constitúe unha enorme aportación cultural, engrosando a enorme producción da figura máis relevante da cultura galega actual con aportacións nos campos da poesía, do ensaio, da narrativa, e incluso do pensamento político. Parabéns, por suposto, ao admirado profesor Ferrín, ao Faro de Vigo polo espazo “No fondo dos espellos” nas súas páxinas, e parabéns e gratitude, tamén, ao profesor Fernando Ramallo pola súa labor titánica de recuperación destas aportacións.