O Bloque Nacionalista Galego ven de propor a posta en marcha dunha gran Semana da Literatura en Vigo.
Con motivo do Día Internacional do Libro, a fronte nacionalista demanda máis compromiso do Concello coa promoción da lectura e un maior apoio ao sector editorial e ás librarías da cidade.
«Vigo ten todas as condicións para se converter na grande cidade galega do libro», reivindicou a concelleira do BNG, Ana Martínez, quen trasladou unha batería de propostas na Comisión Informativa de Cultura celebrada este pasado luns para que o goberno municipal teña «máis audacia e altura de miras» nesta materia.
Chamou nese sentido a potenciar «como se merece» a actual Feira do Libro, poñendo fin ao «maltrato e abandono» dos últimos anos. Pediu tamén que o Concello convoque un certame literario municipal e promova a organización dun Forum Editorial, con vocación internacional nomeadamente cara á lusofonía, que permita poñer Vigo no mapa mundial da edición e a literatura.
«De pouco serve gabarnos do vizoso sector editorial de Vigo ou das grandes autoras e autores que temos na cidade, se ese orgullo non se traduce en políticas públicas que potencien e acheguen os libros como a grande porta de acceso á cultura que son», puxo en valor a concelleira nacionalista.
«Temos que darlle un xiro ás políticas municipais coas que o Goberno de Caballero avanzou na desertización cultural da maior cidade de Galiza», defendeu.
Martínez lembrou que na cidade tiveron e teñen a súa sede as principais editoriais galegas, e tamén selos de menor tamaño pero de vangarda que desenvolven un papel fundamental para dinamizar e alentar as nosas letras.
«En Vigo fomos o berce do rexurdimento da literatura galega e fomos a cidade onde un 17 de maio de hai 161 anos se imprimiu por vez primeira o poemario Cantares Gallegos de Rosalía de Castro», asegurou, poñendo en valor da urbe como importante polo na creación e edición literaria.
Sen novas bibliotecas dende 2011
A falla de compromiso do Concello coa promoción da lectura queda evidenciada, a xuízo do BNG, no feito de que o Goberno de Abel Caballero non teña aberto ningunha nova biblioteca dende 2011, cando se inaugurou a Neira Vilas no Calvario por impulso do Bloque.
En troca, a edil nacionalista lamentou que o único que se promoveu nos últimos anos son «presuntas salas de lectura nas que non hai nada para ler, sen libros, sen persoal bibliotecario e sen ningunha actividade». Reiterou nese sentido a necesidade de despregar unha rede municipal de bibliotecas que atenda a todos os barrios e parroquias.