«Eu son… Balbino. Un rapaz de aldea. Coma quen di, un ningúen. E ademais, pobre».
Así comeza o libro máis lido e traducido da literatura galega. Unha das obras que fundan a nosa narrativa contemporánea e que agora se presenta por vez primeira nunha adaptación gráfica pola Editorial Galaxia.
Publicada na colección Novela Gráfica, a adaptación a banda deseñada do clásico de Neira Vilas está debuxada con sentimento e bo pulso narrativo por parte da historietista Iria Aldegunde, quen pon en imaxes ese mundo que Balbino contempla ao seu redor cos ollos moi abertos e que adoece por entender, pois, como el afirma, vimos ao mundo cunha alforxa de preguntas.
Esta obra fundamental de Xosé Neira Vilas (Gres, 1928-2015) foi publicada en plena época franquista, no 1961. Este clásico das letras galegas recobra agora actualidade da man de Iria Aldegunde (Santiago de Compostela, 2000), que compaxinou os estudos de Filoloxía Inglesa xunto coa súa formación en banda deseñada na escola profesional O Garaxe Hermético. Participou nos libros colectivos «Florencio» (2022) e «Gaspariño XXI» (2023).
E esta tarde de venres 2 de febreiro, preséntase no Fnac de Vigo, as 19:00 horas nun acto que contará coa ilustradora, Iria Aldegunde, que estará acompañada por Miguel Porto, historietista e ilustrador.