Xulio Teixeira debuta en Editorial Galaxia con «As vidas do río», unha novela de suspense que fai que o lector sinta a forza de atracción dunha cidade actual, viva e máxica, onde as emocións animarán o seu camiño para coñecela.
Pontevedra, escenario do crime. Semana Santa, un tempo de tensión política, relixiosa e social. Un misterio por resolver. E un comisario, Serafín Freixeiro, enfrontado ao seu pasado. Unha novela negra cun final insólito e impactante. Un thriller apaixoante e vertixinoso que envolve ao lector nunha viaxe por unha cidade de moda con suspense, humor, tensión policial e unha escrita áxil e coidada.
Unha cidade con vida. Un río de morte que a rompe. O cadáver dunha muller. Un asasinato? O primeiro. A partir de aí a escuridade e o fanatismo anuncian días de horror. Polo medio, intriga, tensión policial e humor. Un reloxo en marcha, a ignorancia do que acontece e as pantasmas do pasado.
Nas misteriosas e revoltas augas da boa vila, o comisario Serafín Freixeiro deberá resolver a súa vida persoal e unha serie de crimes onde os intereses políticos, económicos e relixiosos chocan cunha realidade sorprendente.
Esta semana chegará a todas as librarías.
O autor
Xulio Teixeira Rodríguez (O Porriño, 1968) é avogado e profesor de Dereito da Universidade de Vigo.
Publicou varios libros sobre temas xurídicos e participou en diversas publicacións científicas no seu campo académico.
Tamén é autor do poemario De amor e outros medos (2013) e dunha novela de literatura xuvenil, Os números viaxeiros (2023).
A súa vocación social e de aprendizaxe levárono a traballar como voluntario en causas de dereitos humanos en varios países, como O Perú, Guatemala, Ecuador, Bolivia e Colombia, e viaxar por diferentes países doutros continentes, compartindo experiencias con diversas e variadas culturas.