Este nova obra de Carlos Meixide está autoeditada polo autor e conta coas ilustracións da pintora María Meijide. A obra representa unha continuación co seu anterior libro “Ons”, que tivo un enorme éxito entre o público xuvenil e vai xa pola súa terceira edición, sendo lectura recomendada incluso en varios institutos galegos.
O libro “Cans” xorde a partir dunha proposta do Festival de Cans dentro da sección “Miradas de Cans”. O Festival convidou ó autor a escribir unha obra narrativa sobre o festival e a facer unha residencia na aldea, nunha aposta por vincular ós novos creadores de diferentes disciplinas coa temática do festival. Carlos Meixide e a pintora María Meijide estiveron en Cans ó longo do ano en varias épocas e foron coñecendo de primeira man os espazos físicos reais da aldea, onde o autor ubicou a trama das súas personaxes. Todas as personaxes serán moi familiares para o público xa que, entre eles hai cineastas, actores e actrices, críticos de cine, xornalistas e ata veciños.
A novela ten moitos rasgos de humor propios do autor, pero ten tamén moitas partes de misterio e suspense. Estas partes están situadas sobre todo na contorna do vello túnel do tranvía abandonado que ía conectar Mondariz Balneario con Vigo, do que aínda se conservan restos á altura do Alto do Confurco, entre o Concello de Ponteareas e O Porriño. Desde o Festival de Cans preténdese que esta obra sexa tamén unha reivindicación do patrimonio da arqueoloxía industrial, como é este túnel que aínda pode salvarse, pero cada ano queda máis taponado polos verquidos incontrolados dunha empresa de pedra nunha das súas partes e pola apropiación indebida dun particular na outra boca do túnel.
Presentación no Culturgal
O libro presentarase por vez primeira en público na vindeira Feira de Industrias Culturais Culturgal, que terá lugar do 2 ó 4 de decembro. O Festival de Cans terá nesta feira un stand (o número 42) compartido co escritor Carlos Meixide, onde se poderá adquirir o libro e unha edición especial de tazas “Agroglamour” que o festival lanzará para a ocasión, ademais de camisetas, suadoiros e outras pezas de merchandasing do festival. Antes da presentación, o público xa poderá adquirir o libro en diversas librerías de Galicia: no Porriño nas tendas Tía TaTa e librería Paz, e en Vigo, Bueu, Santiago, Pontevedra e A Coruña.
Despois do Culturgal, Carlos Meixide fará varias presentacións do libro en diversas cidades de Galicia durante varias semanas consecutivas, para rematar facendo unha presentación moi especial que terá lugar en maio durante as datas do festival.