O certame de cinema e cultura underground Galician Freaky Film Festival (GFFF) lanza o seu primeiro concurso de banda deseñada. Tomando como referencia Neo-Tokyo, a cidade futurista na que ten lugar ‘Akira’, o filme homenaxeado este ano, os traballos presentados deberán estar ambientados en Neo-Vigo. Este Vigo ulterior, distópico e futurista deberá estar presente en todas as obras presentadas.
O prazo de recepción de traballos péchase o 24 de xullo. Pódense presentar obras tanto en galego como en castelán, de entre dúas e catro páxinas, en cor ou branco e negro e sen máximo de autores por obra. Este concurso creativo está restrinxido a traballos autoconclusivos e inéditos, nos que tanto a historia como os personaxes non foran publicados con anterioridade.
Os gañadores serán elixidos por un xurado composto por tres profesionais do mundo do cómic que elixirán os tres traballos que retraten con máis orixinalidade e calidade o Vigo do futuro. Outorgarán un primeiro premio, que recibirá 300 euros, e dous finalistas, que recibirán 100 euros. Ademais, tanto os tres traballos premiados como outros que a organización considere de interese serán incluídos nun libro producido polo GFFF.
Os membros do xurado especializado son Fernando Llor, guionista de cómics desde 2014 con máis de 15 traballos publicados en España, Estados Unidos, Francia e Portugal, gañador do Premio a Mejor Guionista Español en los Premios José Sanchis Grau (en 2019) e profesor de guión; Melo, dono da libraría viguesa especializada en cómic Banda Deseñada; e Alicia Jaraba, guionista e ilustradora viguesa que traballa no mercado francés, autora de ‘Soy La Malinche’ e a serie ‘Les detectives du surnaturel’.
O festival celébrase os días 22, 23, 27, 28, 29 e 30 de setembro en Vigo e xirará arredor do manga e anime xaponés, con ‘Akira’ como filme homenaxeado.