Ademais, tamén se compren 140 anos da primeira visita do escritor francés á cidade olívica. A publicación, impulsada pola Asociación Juan XXIII de apoio ás persoas con discapacidade e editada por Galaxia, conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
A lectura fácil permite o acceso a contidos en galego comprensibles para todas as persoas, incluídas aquelas que presentan algún tipo de discapacidade intelectual, que non teñen estudos ou que son inmigrantes con escaso dominio do idioma.
“Este libro é, polo tanto, unha porta máis de entrada á lingua propia de Galicia e a lectura fácil, en xeral, unha ferramenta que facilita un dereito fundamental da cidadanía independentemente das súas capacidades: o acceso á información, á cultura e á literatura, que á súa vez garante o exercicio doutros dereitos, como o de participación ou o desenvolvemento autónomo”, apuntou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na presentación do libro e da colección.
Lectura fácil
A lectura fácil é unha ferramenta de comprensión lectora e de fomento da lectura para atraer a persoas que non teñen o hábito de ler ou que se viron privadas del.
Abarca o contido, as ilustracións e a maquetación co fin de facilitarlle o acceso á información, á cultura e á literatura a persoas con diversidades intelectuais e de aprendizaxe, así como para facer contornos psicoloxicamente comprensibles para todos, eliminando as barreiras para a comprensión, a aprendizaxe e a participación.