Segundo explicou o titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia, a previsión é que pasen polo Museo do Mar de Galicia para ver o Vindel máis de 450 centros educativos.
Neste sentido Román Rodríguez explicou que se trata dunha mostra temporal, “acoutada polo tanto no espazo e no tempo, pero non na memoria. Esta exposición perdurará na lembranza dos visitantes e na memoria de Galicia como un gran fito cultural”.
O conselleiro quixo ademais agradecer á Universidade de Vigo e ao seu reitor, Salustiano Mato – presente tamén na visita de hoxe- “o intenso traballo para acadar algo tan importante como que todos os galegos e galegas poidan coñecer esta obra cimeira da cultura occidental sobre a que se funda a nosa cultura, xoia literaria e musical que é o Pergamiño Vindel”. Así mesmo, agradecer o esforzo adicional que están realizando os profesionais do Museo do Mar de Galicia para xestionar esta exposición no seu día a día.
Convidando a todos aqueles que non o fixeran até o momento a que se acheguen ao Museo e visiten a mostra, Román Rodríguez lembrou que a exposición desenvolve aspectos como a cultura e a espiritualidade dunha sociedade que se abre a Europa polos camiños de peregrinación que ao longo da cornixa cantábrica conducen a Santiago de Compostela; ou o uso social do galego máis aló do ámbito literario; entre outros aspectos.