O escritor, que tamén visita este días Santiago e A Coruña, dedicará os seus encontros co público adulto á poesía e á importancia deste xénero literario para a formación dos lectores. Nestas sesións, o autor reflexionará sobre as estratexias máis axeitadas para fomentar nos nenos e nenas -xa dende o berce- o gusto pola palabra poética. Entre as súas propostas, falará sobre cómo recuperar e ordenar a memoria poética, recoñecer e utilizar estruturas e recursos da tradición oral para, a partir da poesía tradicional, avanzar cara ás novas creacións.
Para participar na primeira actividade cómpre inscribirse previamente no enderezo electrónico lps@kalandraka.com. A segunda iniciativa é aberta ao público.
Ademais de ter escrito varios libros, Antonio Rubio é responsable de adaptacións de contos tradicionais como ‘A merliña’ e ‘O poliño da abeleira’ publicados pola editorial Kalandraka.
‘Do berce á lúa’ son libros de cartón para nenos e nenas de 0 a 3 anos que axudan a “educar o ollo e adozar o oído”, como explica o autor. O texto destaca polo ritmo de lectura baseado no cancioneiro infantil e mantén unha total equivalencia entre palabras e imaxes. As ilustracións de Óscar Villán resaltan sobre un fondo claro para facilitar a forza comunicativa.