O relato Marisol e os depredadores, de Marcos López Concepción, é o gañador da undécima edición do Certame de Relatos Vigo Histórico, organizado por Editorial Elvira co patrocinio da Deputación Provincial de Pontevedra.
O segundo premio foi para Un hombre con dos historias, de Miguel Vázquez Vigo, nun certame no que participaron preto de 200 escritores e escritoras de Vigo, Galicia, o resto do Estado español e tamén do estranxeiro.
Este ano as e os escritores de Vigo e comarca volveron amosar a súa aposta polo Certame, sendo a edición con maior participación procedente da cidade.
Este xoves celebrouse a rolda de prensa para dar a coñecer a resolución do xurado ante moitos dos participantes que non quixeron perder este momento de emoción e nervios.
Ademais, o público asistiu a emoción de algúns dos premiados, presentes no acto, ao coñecer que o seu relato fora elixido polo xurado. Na lectura da resolución do Certame participaron a vicepresidenta da Deputación Provincial de Pontevedra, Luisa Sánchez; o editor de Editorial Elvira, Xabier Romero, e a escritora e membro do xurado Clara do Roxo.
O editor Xavier Romero, ademais de agradecer o apoio da Deputación ao certame de relatos, destacou que “a editorial leva na rúa Santiago doce anos e penso que estamos a facer barrio, e iso significa tamén facer cidade”.
Pola súa banda, Luisa Sánchez, felicitou aos premiados, accésits, publicados, participantes e “a editorial Elvira, porque algo que comezou unha charla informal é xa un referente literario na cidade”.
Ademais, destacou que “ao ler os relatos podes situarte en diferentes sitios de Vigo e a través deles podes ver unha cidade viva e polifacética”.
Clara do Roxo explicou a dificultade do xurado para elixir aos gañadores, xa que este ano estivo máis igualado que nunca, e a decisión final tomouse por maioría, pero non por unanimidade. E tralas intervencións chegou o momento da lectura da resolución do xurado.
A resolución
O primeiro premio, Marisol e os depredadores, de Marcos López Concepción, trata sobre un tema de enorme actualidade e dunha figura moi coñecida en Vigo a inicios de los 80: Marisol Paíno. Enorme o traballo de investigación do autor e exquisita a forma de contar a historia. Precisamente, o autor é un dos que nunca se perde o Certame e todos os anos presenta o seu escrito, e moitas veces con fantásticos resultados. Así en 2021 logrou o primeiro premio co durísimo Rosario Hernández é un lugar, mentres que en 2017 acadou o segundo posto con O vento e as formigas.
Un hombre con dos historias, de Miguel Vázquez Vigo, foi elixido polo xurado como segundo premio na edición do Certame do presente ano. Narra o falecemento dun home, que perdurará na vida dos seus sempre e como afectou aos que quedan. É unha historia moi humana, triste, que encolle a alma e nos recorda o drama dunha enfermidade “terriblemente de moda” nos anos oitenta e que afectou en especial ao colectivo homosexual.
Os accésits son para: Cine Club (de Antón Beiras); El último gol de Maradona (Jorge Valín); La muerte del dragón rojo (Juan Carlos Gómez) e Días de lluvia (Sabela Barreiro). O gañador recibirá un premio de mil euros, mentres que o segundo terá 500 euros e os 4 accésits, 200 euros cada un. En todos os casos, deduciranse automáticamente as retencións que estipula a lei.
Como xa é coñecido por todas e todos, as bases do Certame de Relatos Vigo Histórico marcan que o tema é libre pero Vigo ten que ter un papel protagonista nos relatos presentados.
A finais de novembro celebrarase a gala de entrega dos premios e a presentación do libro Relatos na Rúa XI, no que aparecerán publicados os relatos premiados e unha ampla escolla dentro dos presentados.
Outra das tradicións xa do Certame é a colaboración coa Fundación IgualArte, a cal participa de forma moi activa tanto na gala, con actuacións, como no libro, coas aportacións do seu grupo Diseñatas. Pola súa banda, a editorial fai unha doazón á Fundación dun euro por cada exemplar vendido.
Coma sempre, un agradecemento especial para o xurado do Certame de Relatos Vigo Histórico, ao que lle corresponde a tarefa máis complicada: elixir os gañadores e publicados. Un ano máis o Certame de Relatos Vigo Histórico conta cun grupo marabilloso, ao que se incorporou o escritor Santiago Lopo. Desta forma, o noso «tribunal» queda conformado pola escritora Ledicia Costas; o pintor Antón Pulido; o editor Bieito Ledo; a escritora Clara do Roxo; o xornalista Jacobo Buceta; a filóloga e poeta Patricia Meira, o escritor Santiago Lopo; a escritora e actriz María Lado e a xornalista Noelia Otero Lago.
Listado dos premios e todos os relatos que formarán a undécima edición do libro Relatos na Rúa: