O relato ‘O neno aparecido’, de Paula Palacios, é o gañador da décima edición do Certame de Relatos Vigo Histórico, organizado por Editorial Elvira co patrocinio da Deputación Provincial de Pontevedra. O segundo premio foi para ‘Socio’, de Alfonso Juan Portabales, nun certame no que participaron preto de 200 escritores de diferentes puntos do planeta. Este ano apreciouse un aumento dos relatos procedentes de fóra de Galicia e volveron chegar algúns desde o estranxeiro, principalmente de Europa e América.
Este venres foi un día “moi especial” para a organización, nun ano histórico para o Certame de Relatos ao alcanzarse esa décima edición sen paróns e superando unha pandemia. O local da Asociación Évame Oroza acolleu unha rolda de prensa para dar a coñecer a resolución do xurado ante moitos dos participantes que non quixeron perder este momento de emoción e nervios.
No acto participaron a vicepresidenta primeira da Deputación Provincial de Pontevedra, Marta Fernández- Tapias; o editor de Editorial Elvira, Javier Romero, e a escritora e membro do xurado Clara do Roxo, que foi a encargada de explicar o complicado que foi para o xurado elixir aos gañadores e destacou a gran calidade dos escritos presentados.
Romero comezou recordando como xurdira a idea do certame de relatos Vigo Histórico, hai xa 11 anos e da man do gran poeta Carlos Oroza, e “agora nos atopamos aquí, na asociación Évame Oroza, creada para dar a coñecer a súa obra e ser un punto de encontro para a cultura viguesa”. Ademais, agradeceu a colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra, que nesta décima edición é a entidade patrocinadora principal do certame, e sinalou que é unha colaboración que vai máis alá dun evento, é un apoio á cultura desta cidade.
Tapias destacou do certame que “acada a súa simbólica décima edición convertido en todo un referente non só nesta provincia e Galicia, senón tamén de fóra da nosa comunidade”. Salientou a “enorme calidade dos traballos”, exemplo -dixo- “da inmensa creatividade” que hai na nosa cidade. “Hoxe vimos a sumar novos relatos cos que engrandecer a aposta e a tradición literaria desta cidade”, engadiu.
Ademais, aproveitou a ocasión para amosar o compromiso da institución provincial coa cultura, destacando que “é un deber impulsar e promover as letras, os autores, os novos creadores e as súas múltiples manifestacións e entidades. A cultura referéncianos en todo o mundo”.
A resolución
E chegou o momento da lectura do fallo do xurado. Clara do Roxo comezou cos publicables e, entre o público asistente, había varios. Posteriormente Clara deu a coñecer os accesits e Javier Romero o nome do segundo premio, sen que estiveran presentes. A lectura descorría con tranquilidade ata que, Marta Fernandez-Tapias deu a coñecer o primeiro premio e a sorpresa saltou, ao atoparse a súa autora, Paula Palacios, entre os presentes. Foi un momento emocionante e a premiada tomou a palabra de forma espontánea para dar as grazas á editorial Elvira por darlle esta oportunidade aos escritores noveis. Ela xa participara con anterioridade neste concurso, así como no de Relatos no Camiño.
‘O neno aparecido’ é un relato moi duro, que chega ata o corazón pola crueza dos feitos relatados e a calidade da escritura. O segundo premio foi para ‘Socio’, de Alfonso Juan Portabales, unha historia tamén dura, estraña e sorprendente, na que o Real Club Celta, no ano do seu centenario, ocupa un papel protagonista. O gañador recibirá un premio de mil euros, mentres que o segundo premio terá 500 euros e os catro accésits, 200 euros cada un.
Como xa é coñecido, as bases do Certame de Relatos Vigo Histórico marcan que o tema é libre pero Vigo ten que ter un papel protagonista nos relatos presentados. A finais de novembro celebrarase a gala de entrega dos premios e a presentación do libro ‘Relatos na Rúa X’, no que aparecerán publicados os relatos premiados e unha ampla escolla dentro dos presentados. Dende hai uns anos, Editorial Elvira colabora coa Fundación IgualArte, que participa de forma moi activa tanto na gala como no libro. A editorial cede á fundación un euro por cada exemplar vendido.
O xurado estivo formado pola escritora Ledicia Costas; o pintor Antón Pulido, o editor Bieito Ledo, a escritora Clara do Roxo, o xornalista Jacobo Buceta; a filóloga e poeta Patricia Meira, a escritora e actriz María Lado e a política Noelia Otero.