O alcalde deu a coñecer este luns o programa didáctico municipal «O Nautilus e o tesouro de Vigo» co que o alumnado vigués aprenderá unha «parte importante» da historia da cidade a través de folletos explicativos e do libro «20.000 leguas de Verne a Vigo», editado polo Concello, e que Caballero define como «excepcional». As súas páxinas recollen a relación de Verne con Vigo e a historia da Batalla e dos tesouros de Rande.
As actividades divulgativas comezaron hoxe cos estudantes do CEIP Illas Cíes, que recibiron de mans do alcalde o diploma que acredita o seu coñecemento logo da formación aprendida e, ata finais de ano, reunirá a 11 centros vigueses, tendo continuidade ao longo do vindeiro ano.
Caballero destacou a relación de Verne coa cidade, onde estivo en dúas ocasións, sendo a única urbe española que visitou, e a onde chegou no seu buque de investigación Saint Michel III. «Queremos transmitir como se integrou na historia da cidade e as lendas creadas ao seu redor, unido a Rande e á batalla».