O Premio Castelao de Banda Deseñada foi para dúas sinaturas destacadas da BD alternativa galega na súa XV Edición. A Deputación da Coruña daba a coñecer na mañá deste 9 de outubro o fallo do xurado, que recoñeceu a obra Adeus amigos da pontevedresa Begoña García Alén como gañadora da categoría xeral. O vigués Andrés Magán e a súa As aventuras de Passer P. Malta impúxose entre as obras que aspiraban ao premio para público infantil e xuvenil. Cada un dos autores recibirá un premio de 6.500 euros en metálico e verá a súa obra publicada pola Deputación. En total presentáronse a esta edición dos galardóns 42 obras, catro veces máis do que na última xeira.
Segundo o fallo do xurado, Adeus amigos destaca pola súa «aposta gráfica experimental vencellando a trama coa obra do artista Bas Jan Ader e pola mestura da historia gráfica dun artista coa historia dun neno dunha forma máxica. Gráfica sintética e minimalista». Pola súa banda, As aventuras de Passer P. Malta presenta unha «historia divertida, surrealista e máxica que ten un bo debuxo e que está protagonizada por animais antropomorfos que lembran os clásicos do cómic pero actualizados a nivel narrativo e gráfico». Os dous autores, nados en 1989, cursaron Belas Artes en Pontevedra e comezaron a publicar BD en 2014, obtendo amplos recoñecementos de crítica e público, sempre dentro dunha aposta por obras experimentais e vangardistas.
O xurado estivo composto por Gemma Sesar, de El Patito Editorial, José «Pío» Barreiro, de Komic Libraría, os autores Bea Lema (gañadora do premio en 2017), Martín Romero e Alberto Vázquez, que levaron o galardón na anterior edición. Canda a eles, fixeron parte do comité o responsábel da área de Cultura da Deputación, Xurxo Couto, e a xefa de servizo, Mercedes Fernández Albalat como secretaria.
Begoña García Alén (Pontevedra, 1989) é grao en Belas Artes e Máster en Arte Contemporánea pola Universidade de Vigo e MA in European Art Practique. Desde o ano 2014 publicou Perlas del Infierno (Fosfatina, 2014), Lujo Infinito (Noche Líquida, 2014), La Cueva (Fosfatina, 2015), S/T (tres historias) (Noche Líquida, 2015), El Espectador (Tik Took Cómics, 2015-2018), Nuevas Estructuras, (Apa-Apa Cómimcs, 2017), Unha Gran Dama Impasible, (Noche Líquida, 2018), Nueva Mística de Vigo, (Noche Líquida, 2018), Una puerta muy pequeña en una habitación, (Noche Líquida, 2018).
Andrés Magán (Vigo, 1989) estudou Belas Artes na Universidade de Vigo e é Máster en Arte Contemporánea e Communication Design. Ilustrador e deseñador desde o ano 2012 até a actualidade, realizando traballos para diversas publicacións, institucións, marcas e selos musicais. Como autor de banda deseñada, desde o ano 2014 ata a actualidade ten publicado Griza Zono (Fosfatina, 2014), Optimización del Proceso (Ediciones Valientes, 2015), Cuento del Niño Bueno/Cuento del niño malo (Linterna Mágica, 2015), Los dos Amigos, (Fosfatina, 2016), Fragmentos Seleccionados (Apa-Apa, 2017), A Friend, (Kus! Comics, 2017), Is your Jurney Really Necessary? (Colorama, 2018).