O xurado do IV Premio de Investigación e Ensaio Ramón Baltar Feijóo reuniuse este xoves para deliberar e optou por galardoar ‘Querida liberdade. Vida e obra dun precursor do Rexurdimento: Antolín Faraldo’ (Alvarellos Editora, 2022), de Xurxo Martínez, como obra máis destacada dos dous últimos anos no estudo do período histórico relativo ao fondo documental que leva o seu nome e que foi depositado no Arquivo da Casa de Rosalía pola familia Baltar García-Peñuela, que vai desde o Rexurdimento ata a Xeración Nós.
O xurado destacou a alta calidade dos traballos presentados e salientou a singularidade do asinado por Xurxo Martínez González, que fai unha relectura do protonacionalismo e do papel de Antolín Faraldo, líder da revolución galega de 1846, que «incorpora o nacionalismo ou protonacionalismo á tarefa da loita polas liberdades no seu tempo, contra o absolutismo, ademais de recoller textos dispersos e descoñecidos de Faraldo».
O xurado estivo formado por Xosé Luís Axeitos, membro da Real Academia Galega; Francisco Prado Vilar, historiador; Ernesto Baltar, membro da familia Baltar Feijóo; Lydia Fontoira, profesora da USC e secretria do premio; ademais de Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía.
No 200 aniversario do seu nacemento, ‘Querida liberdade’ aborda, por vez primeira dun xeito integral, a vida e a obra de quen Manuel Murguía definiu como «el primero y el mejor»: Antolín Faraldo, a voz de toda unha xeración, a alma da revolución de 1846, unha figura case mítica no imaxinario galego e que hoxe aínda segue a ser un gran descoñecido.
Querida Liberdade contén, por unha banda, un amplo estudo introdutorio, a cargo de Xurxo Martínez González, que nos mergulla de maneira trepidante nunha época tan apaixonada: con ritmo, estruturado en breves epígrafes e cunha clara vontade didáctica e divulgativa. Tras el, unha completa antoloxía con 45 artigos de Faraldo.
Xurxo Martínez González (Vigo, 1984) é un escritor e investigador, alén de doutor en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo e premio extraordinario de tese de doutoramento. Ten publicado numerosas obras sobre diferentes persoeiros galegos do século XIX e XX, como Luís Soto, Manuel Leiras Pulpeiro ou os irmáns Villar Ponte, entre outras.
Premio de Investigación Ramón Baltar Feijóo
Este galardón pretende tamén honrar os valores de protección e mecenado da familia para con Padrón, coa cultura galega en xeral e para con figuras de tanta relevancia coma Rosalía de Castro, Manuel Murguía ou Alfonso Daniel R. Castelao.
A entrega do premio, que é honorífico (diploma e insignias da Casa de Rosalía), terá lugar no transcurso dun acto a celebrar no auditorio da Casa-Museo de Rosalía este mes de decembro.
A Fundación Rosalía de Castro convocou en setembro a cuarta edición do Premio de Investigación e Ensaio «Ramón Baltar Feijóo» co obxectivo de contribuír ao fomento do estudo do período histórico relativo ao fondo documental que leva o seu nome e que foi depositado no Arquivo da Casa de Rosalía pola familia Baltar García-Peñuela, que vai desde o Rexurdimento ata a Xeración Nós.
O premio ten carácter bianual e poden concorrer a el todas aquelas obras de ensaio ou investigación publicadas ao longo dos anos 2022 e 2023, sexan libros ou documentais, sempre que estean en relación con algún aspecto do fondo documental, sexa cronolóxico e que vaia do Rexurdimento á Xeración Nós, ou sexa temático: historia e literatura deste período ou referida a Padrón.
A primeira edición recoñeceu dúas obras ‘ex aequo’: ‘Cantos de independencia e liberdade’ (Galaxia, 2017), de María Xesús Lama; e ‘A nosa Terra é nosa!: A xeira das Irmandades da Fala 1916-1931’ (Baía Ensaio, 2016), de Emilio Insua. A segunda premiou o libro ‘As orixes da fotografía en Galicia’, de Carlos Castelao; e a terceira ‘Irmandiñas’, de Aurora Marco.
O Arquivo Baltar-Feijóo
O Arquivo Baltar-Feijóo é o fondo documental de Ramón Baltar Feijóo e Ernesto Baltar Santaló, un arquivo de primeira magnitude que regresou a Galicia e a Padrón en 2016 grazas á doazón desta familia á Casa-Museo de Rosalía. Inclúe correspondencia, moita dela inédita, de importantes persoeiros da historia de Galicia como Rosalía de Castro, Murguía, Castelao, RAG, Alfredo Brañas, Pérez Lugín e moitos outros.
A Fundación Rosalía creou un espazo dentro da propia Casa-Museo dedicado a este fondo, que foi dixitalizado e posto a disposición do público. Nel contense importante documentación, maioritariamente inédita, composta por un total de 445 pezas procedentes da familia Baltar, gardada desde Ángel Baltar Varela e principalmente por Ramón Tojo. O seu ámbito cronolóxico vai desde o tempo en que Rosalía se instala coa familia na casa da Matanza (1883) ata os anos vinte do pasado século.
O conxunto componse maiormente de correspondencia e está organizado nos seguintes apartados: Rosalía de Castro; Manuel Murguía; Alfonso Daniel Rodríguez Castelao; Real Academia Galega; Miscelánea (Pérez Lugín, Pardo Bazán, Alfredo Brañas, Nicasio Pajares, Aurelio Ribalta, Eugenio Carré…) e Cartas políticas (ministros, deputados, Marqués de Figueroa…).