O VII Certame de Relatos Vigo Histórico, organizado pola Editorial Elvira, entregará este xoves (19:30 horas) no Auditorio Municipal os seus galardóns. É un acto que chega con meses de retraso por culpa da pandemia da Covid-19 e coas restricións de aforo e as medidas de prevención necesarias. Ademais, nesta ocasión convocarase tamén a oitava edición do certame.
A situación de alarma sanitaria condicionará o desenvolmento do acto, polo que a presenza da Fundación Igual Arte, entidade coa que colabora dende hai anos a Editorial Elvira, será virtual. Ademais, o aforo do recinto está moi reducido e todos os asistentes confirmaron a súa presenza e deberán identificarse no acceso. Precisamente o retraso na celebración deste evento, previsto inicialmente para finais do pasado ano, provocou que será na mesma gala onde se dará inicio á oitava edición do Certame de Relatos Vigo Histórico. O prazo para a presentación dos traballos será dende o 26 de marzo ata o 1 de xullo de 2021 e comunicaranse os gañadores entre os días 30 de setembro e 8 de outubro.
O gañador desta sétima edición do certame é o relato El fabuloso tonto triste, de Miguel Cuervo Pérez, nunha obra chea de humor e intelixencia, salpicada por unha crítica sutil presente a longo de todo o relato. Miguel Cuervo é un vello coñecido deste concurso, no en van o pasado ano logrou o accésit con Memorias casi póstumas de un detective idiota.
Ademais, o segundo premiado foi Hopper en el Vitruvia, de Eduardo Fernán-López, no que nos conta a historia dun neno esquizofrénico, usando como gancho o cadro de Hopper na xanela. O gañador recibirá un premio de mil euros, mentres que o segundo premio terá 500 euros e os 4 accésits, 200 euros cada un.
No Certame de Relatos Vigo Histórico o tema é libre pero hai unha esixencia fundamental: Vigo ten que ter un papel protagonista nos relatos presentados. O confinamento dominou e ocupou o concurso, con numerosos escritos nos que se facía referencia á situación que nos tocou vivir de marzo a xuño, e tamén puido apreciarse no ton dos relatos, un pouco más escuros e tristes do habitual. A continuación tedes o listado dos premios e todos os relatos que formarán a sétima edición do libro Relatos na Rúa (portada, de Luis Romero). Como xa sabedes, dende hai uns anos, Editorial Elvira colabora coa Fundación Igual Arte, de xeito que se lle fai entrega a esta institución dun euro por cada libro vendido.