Xa quedan moi poucos días para que se peche o prazo de presentación de traballos á sétima edición do Certame de Relatos Vigo Histórico. O día 1 de xullo pecharase o prazo dunha edición moi especial, xa que se abriu en pleno confinamento polo Covid-19. Por este motivo, Editorial Elvira anunciou que se porá en marcha o proxecto Lemos convosco, co que irá polas residencias e centros de maiores a ler con eles o libro Relatos na Rúa e compartir grandes momentos cos nososmaiores.
O tema do relato é libre, pero acidade de Vigoten que ter un papel protagonista. Admitirase un único texto por autor/a, cunha extensión máxima de 4 páxinas por unha cara (ou o equivalente a 8.000 carácteres con espazos). Os orixinais deberán presentarse por correo electrónico á seguinte dirección: certamenvigohistorico@gmail.com. Haberá un primeiro premio de mil euros para o gañador/a, un segundo premio de 500 e ata 4 accésits de 200 euros cada un. As bases están a disposición de todos os interesados na páxina web de Editorial Elvira (www.editorialelvira.com).
O xurado conta este ano cunha nova integrante, que será María Lado, e que se suma ao grupo formado por José Luís Mateo Álvarez, historiador e membro do Instituto de Estudios Vigueses, a escritora Ledicia Costas; o pintor Antón Pulido; o editor Bieito Ledo; a filóloga e mestra Concepción Varela Portela; o xornalista Jacobo Buceta; a filóloga e poeta Patricia Meira; a xornalista Noelia Otero Lago, e o profesor, escritor e colaborador de VIGOÉ, Julio Alonso. O xurado dará a coñecer os gañadores entre os días 30 de setembro e 8 de outubro e a finais de ano realizarase o acto de entrega dos premios e a presentación do libro Relatos na Rúa VII (cos relatos premiados e unha selección dos que máis teñen gustado).