O Museo Marco acolleu este martes a presentación da colección de libros «Historias para coñecermos Vigo», editados pola Editorial Elvira en colaboración co Concello de Vigo. No acto estiveron presentes o alcalde de Vigo, Abel Caballero; a concelleira de Normalización Lingüística, Uxía Blanco, o editor Javier Romero; Clara do Roxo, portavoz da asociación cultural Catropatacos, promotor da idea; e os autores dos libros.
Javier Romero destacou o traballo de todos os implicados neste proxecto (autores, editores, a fotógrafa Sandra MG, Concello) que “a pesar de que me roubou algunha noite sen durmir, agora podo dicir que teño unha gran ilusión porque estes libros que presentamos hoxe son para min un éxito tremendo porque estamos a facer Vigo”.
Este proxecto, liderado polas concellerías de Normalización Lingüística e Cultura, terá continuidade no tempo, xa que complementarase con cadernos de traballo para alumnado da ESO e faranse percorridos literarios guiados polas e polos autores dos diferentes libros.
O alcalde destacou que este proxecto literario é unha «forma distinta de facer cidade» amosando a través dos oito textos unha maneira de vivir Vigo, percorrendo os barrios e a través dos seus persoeiros, que «nos entusiasma» e amosou a súa satisfacción por esta colección agradecéndolle aos autores e autoras que foran quen de «trazar unha historia para vivir e sentir a cidade de maneira que o Vigo da súa imaxinación colla corpo no Vigo real».
Clara do Roxo asina «Sombras do Ensanche», onde amosa a súa riqueza arquitectónica e museística; Manuel Sánchez Gálvez recolle o nacemento de Vigo no Casco Vello en «Os consellos de Carlos Calvo»; Santiago Lopo sitúa o seu relato na beleza natural das praias viguesas con «A voz das nereidas»; sobre as Illas Cíes poderemos ler en «Poboadores do Atlántico» de Amadeo Cobas; María Lado en «Entre os dous hai un río» narra o Vigo máis auténtico e actual do Calvario e Lavadores; Marga do Val mostra en «Tizita e Sabela na procura» as posibilidades do pulmón da cidade: os parques do Castro e de Castrelos; Francisco Castro recrea o mundo obreiro con Teis como escenario en «Barricadas de sal» e Ledicia Costas aborda a cultura mariñeira e naval de Bouzas con «Neve detrás do cristal».