Trala entrega do galardón este xoves na capital galega, no seu primeiro encontro cos lectores vigueses Papatheodoulou e Samartzi falarán de cadansúa traxectoria literaria e artística, respectivamente, ademais de presentar o libro gañador.
“Unha última carta” transporta o público ata unha pequena illa mediterránea onde un carteiro ponlle fin a máis de 50 anos de servizo nunha derradeira xornada de traballo que resultará inesquecible. Empregando unha linguaxe poética e metafórica que xoga cos contrastes, Antonis Papatheodoulou faille unha emotiva homenaxe ao vello oficio de repartir cartas.
As ilustracións -cunha luminosa paleta cromática- enriquecen o texto cun orixinal collage de imaxes relacionadas co gremio postal, a base de sobres, selos e palabras manuscritas que trazan a forma dos personaxes.
Este IX Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado destaca pola súa harmonía e equilibrio, a capacidade para trasmitir tenrura e alegría á vez, ademais de poñer en valor un oficio que favorece a comunicación e as relacións entre persoas e comunidades.
Recén publicado por Kalandraka nas cinco linguas peninsulares, “Unha últuma carta” súmase xa aos anteriores proxectos distinguidos no certame: “Cerca”, “Un gran soño”, “A familia C”, “A viaxe de Olaf”, “Bandada”, “Mamá”, “Ícaro” e “Despois da chuvia”.
De todos eles farase un repaso na sesión de contacontos programada en Libros para soñar, para público infantil a partir de 4 anos.
Os autores
Antonis Papatheodoulou, que estuda Lingua e Cultura Española na Universidade Aberta de Grecia, publicou máis de 40 libros infantís no seu país.
Iris Samartzi traballa como ilustradora de libros infantís e profesora de debuxo en Educación Primaria.
Ambos recibiron varios premios, entre os que destacan o Premio Nacional Grego de Libro Ilustrado en 2012 por una obra de autoría conxunta.