O prazo de presentación de relatos foi de catro meses (do 26 de febreiro ao 30 de xuño) cunha gran resposta. En total presentáronse 203 traballos, pero non foron admitidos 33 por non cumprir as bases do concurso (principalmente por non desenvolverse a acción na cidade de Vigo). Desta forma, dos 170 relatos admitidos, 136 foron escritos en castelán e 34 en galego. En canto a xénero, bastante igualdade, aínda que houbo máis participación masculina: O 57 por cento dos candidatos ao premio son homes e o 43%, mulleres.
Sobre a procedencia dos relatos, hai participación de case todas as comunidades autónomas, aínda que por suposto Galicia é a que conta con maior participación, e de forma moi especial Pontevedra e a cidade de Vigo. Ademais, recibíronse relatos de diferentes países, cunha maior presenza de países latinoamericanos. Así hai relatos procedentes de Arxentina, Venezuela, Cuba, Chile, Nicaragua, Colombia, República Dominicana, Costa Rica e Holanda.
O xurado desta terceira edición do certame estará formado polo pintor Antón Pulido, o editor Bieito Ledo, a filóloga e mestra Concepción Varela Portela, o xornalista Jacobo Buceta; a filóloga e poeta Patricia Meira, a xornalista Noelia Otero Lago, a filóloga e documentalista Sonia González López e o profesor e escritor Julio Alonso, tendo este ano a insustituibel ausencia de Carlos Oroza, falecido hai uns meses. O xurado dará a coñecer os gañadores o 30 de setembro e no mes de decembro realizarase o acto de entrega dos premios e a presentación do libro III Relatos na Rúa (cos relatos premiados e unha selección dos mellores).
O tema do relato é libre, pero a acción debe desenvolverse na cidade de Vigo. Admitiuse un único texto por autor, cunha extensión máxima de 4 páxinas por unha cara (ou o equivalente a 8.000 carácteres). Haberá un primeiro premio de mil euros para o gañador e ata 5 accésits de 200 euros cada un.