Edicións Embora vén de publicar ‘Pequena historia de Vigo’, un álbum ilustrado para todos os públicos (especialmente para rapaces e rapazas) escrito por Pedro Feijoo (Vigo, 1975) e ilustrado por Xosé Tomás (Betanzos, 1971).
O libro recolle en 23 breves capítulos a historia da cidade, desde o Vigo castrexo ata a actualidade, e se detén en episodios históricos como o Vigo corsario, a Reconquista, o Vigo Liberal ou o dos grandes arquitectos.
Explica Feijoo no prólogo do libro que “un dos oficios máis esquecidos da paisaxe viguesa resulta ser tamén un dos máis necesarios para comprender o carácter da cidade”. Refírese o autor ao das redeiras, “aquelas mulleres sen as cales os homes que saían ao mar, os famosos pescadores vigueses, simplemente non poderían desenvolver o seu traballo: Vigo sempre foi un tecido de engrenaxes”.
Este é o exemplo, segundo o escritor, de que Vigo é “un pobo artellado sobre a colectividade, sobre o traballo en equipo” nos peiraos, nos campos, nos estaleiros, nas fábricas, nas oficinas, nos barcos, na terra e no mar.
“E, por lonxe que pareza, hoxe segue a ser igual. Como o gran animal deitado á beira do Atlántico que é, Vigo, todo el, é un tecido de pequenas pezas, rodas, poleas, guindastres, cables, aceiro, aceite e electricidade, auga e vento, lume e choiva, area e megabytes traballando en equilibrio, en perfecta harmonía para que cada parte da cidade, cada elemento, cada movemento, siga a funcionar correctamente”, conclúe Feijoo.