O Centro Social Afundación de Vigo acolleu este venres a gala de entrega da primeira edición do Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza, nun emocionante acto no a poesía, a música e o arte foron os verdadeiros protagonistas. No evento foron recoñecidos Lupe Gómez (gañadora modalidade de galego) e Amancio Prada (mellor proxecto musical de divulgación da poesía) e Morales Monterríos, que saudou e agradeceu o premio a través dun vídeo gravado nun lugar cheo de maxia, a Fundación Neruda en Isla Negra.
A gala contou coa actuación de Uxía, voz, sensibilidade e poesía a partes iguais, que quixo homenaxear a Amancio Prada, a quen recoñece como mestre. Ambos ofreceron un final inigualabel, ao cantar xuntos a capela, nun momento que non van poder esquecer os asistentes á gala.
Lupe Gómez Arto, gañadora do Premio Carlos Oroza na modalidade de galego coa sua obra “Herbario da noite pecha”, recolleu o premio de mans de Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura. A autora recordou os seus anos de vida en Vigo e a súa amizade con Uxío Novoneyra, e comentou que “se Oroza era amigo de Novoneyra, tamén era o seu amigo”.
Amancio, ao recoller o premio, comezou a súa intervención falando en galego e destacou que “a letra con música entra” e recordou que el entrou na poesía grazas a Rosalía de Castro.
Pola súa banda, o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, felicitou as persoas premiadas e recoñeceu o traballo da asociación, recordando que foi quen de poñer de acordo a todo o Parlamento Galego para que se aprobase por unanimidade a celebración do ano do centenario de Oroza. Este premio é patrocinado pola Xunta de Galicia, que acompañou á Asociación Évame Oroza neste primeiro ano de vida.
Presentación do libro Oroza 100
Na gala tamén se presentou o libro homenaxe Oroza 100, no que se poden atopar máis de cen participacións de persoas chegadas de diversas disciplinas artísticas e do círculo persoal do poeta para homenaxealo no seu centenario. O libro foi presentado polo escritor Alberto Avendaño, un dos coordinadores do volume, e Marina Oroza, filla do xenial autor, que “destacou a súa emoción por estar neste acto”.
Entre os asistentes á gala podemos podemos destacar ao director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz; a deputada provincial de Turismo, Nava Castro; o presidente da Asociación Évame Oroza, Xabier Romero; os presidentes do xurado dos premios literarios (Antonio García Teijeiro, escritor e presidente do xurado da modalidade de galego e Ignacio Gómez de Liaño, escritor e presidente da modalidade en castelán); os pintores Antón Lamazares e José Freixanes; o produtor Javier Monforte e moitos dos escritores que participaron no Oroza 100.