A XLVII edición da Feira do Libro de Vigo pechará este sábado as súas portas tras contar coa asistencia de máis de 60 autores. A cita contou este ano con espazo específico para as librarías Nobel Gran Vía, Libros para Soñar, Casa del Libro, Libraría Cortizas, Librouro, A Gata Tola, Libraría Pedreira, a Editorial Planeta, o Centro de Documentación Feminista de Vigo ou a Biblioteca Municipal Neira Vilas.
Tras toda a semana con firmas de autores, este sábado será o turno de Luis López Gutiérrez (13:00 horas), David Lorenzo (18:00h), Antonio García Teijeiro (19:00h.), Jesús Bastante (19:00h), Santiago Lopo (20:00h.) e Ismael Ramos (20:00h.).
A cita de Vigo é unha das doce feiras que compoñen este ano o calendario, catro máis que o ano pasado. Tras Ferrol, Santiago, O Porriño, Ourense e Redondela, o percorrido continuará por Ponteareas, Rianxo, A Coruña, Viveiro, Foz e Monforte de Lemos. Ademais destas citas, o sector literario de Galicia tamén estará nas Feiras Liber, en Madrid, e de Frankfurt, previstas para o vindeiro mes de outubro.