Este xoves celebrouse na Casa Galega da Cultura unha rolda de prensa para dar a coñecer a resolución do xurado. No acto participaron o concelleiro de Comercio, Ángel Rivas; o editor da Editorial Elvira, Javier Romero, a presidenta da Fundación Igual Arte, Cristina Lago; a escritora Ledicia Costas e o xornalista Jacobo Buceta, estes dous últimos membros do xurado, que foron os encargados de ler a resolución.
Tamén acudiu a esta comparecencia Ramón Lourido, director da Zona Vigo Norte de Abanca (patrocinador privado do concurso), así como unha nutrida e entusiasta representación da Fundación Igual Arte e de participantes no certame, entre os que se atopaban varios dos escritores premiados, o que deu lugar a emotivos momentos cando Ledicia e Jacobo procederon a lectura da resolución.
Cristina Lago expresou a satisfacción da súa fundación pola colaboración que se está a realizar coa Editorial Elvira, “que nos permitiu meternos dentro da cultura, algo que encaixa moi ben dentro da nosa filosofía”. “Dous dos nosos rapaces presentaron os seus escritos ao concurso e estamos todos moi emocionados coa súa participación. Con este tipo de iniciativas é cando de verdade se produce integración e incursión, que moitas veces se fala de ela, pero sen ser real”. engadiu.
Pola súa banda, o editor Javier Romero destacou que o certame xa está consolidado. “O feito é que nestes cinco anos xa contamos cuns 800 relatos sobre a nosa cidade, o cal é unha riqueza que queda aí”. Romero manifestou a súa satisfacción ao ver que o concurso medra ano a ano, “con accións como as que estamos a realizar con Igual Arte ou as novidades que imos introducir no libro de relatos, que aínda non podo contar”.
Por último, o concelleiro Ángel Rivas explicou que coñeceu este proxecto dende o inicio: “Hai seis anos Javier veu falar comigo para presentarme este proxecto e dende o inicio pareceume moi interesante, e a proba diso é que estamos hoxe aquí, seis anos despois”. Tamén expresou o apoio do alcalde dende a primeira edición a este certame, e desculpou a súa ausencia, por motivos de axenda.
A resolución
E tras as palabras chegou o momento da lectura da resolución da man de dous integrantes do xurado, Ledicia Costas e Jacobo Buceta. Foi moi emocionante ao atoparse entre o público catro dos seis premiados, polo que houbo bágoas e sorrisos a partes iguais, ademais de moitos e cálidos aplausos para todos os traballos recoñecidos polo xurado.
Desta forma, resultou gañador da quinta edición do certame o relato ‘Cara B’ do pontevedrés Rodrigo Rey, que xa ten escrito poemas e relatos con anterioridade. Da súa man facemos un percorrido polo Vigo da movida, dende a visión do seu protagonista. Rodrigo atopábase entre o público e non puido disimular a súa ledicia ao coñecer a decisión do xurado.
Ademais, o segundo premiado foi Alejandro Salse co seu escrito ‘Los Flotantes’, un relato de ciencia ficción nun Vigo apocalíptico. Hai que recordar que o gañador recibirá un premio de mil euros, mentres que o segundo premio terá 500 euros e os 4 accésits, 200 euros cada un.
No Certame de Relatos Vigo Histórico, que vai xa pola súa quinta edición, o tema é libre pero Vigo ten que ter un papel protagonista nos relatos presentados e isto veuse reflectido na procedencia dos mesmos, xa que máis da metade foron enviados dende a cidade viguesa ou arredores (O Porriño, Mos, Panxón).
Relatos desde todas as partes do planeta
Aínda así, houbo relatos procedentes de toda España (Madrid, Barcelona, Alxeciras, Cartaxena, Sevilla; Irún, Salamanca, Badalona, Plasencia, Murcia, Santoña, Córdoba, Benicassim, Ansaín, Zamora, Cáceres…), do estranxeiro (Chile, Arxentina) e de diferentes cidades galegas (Vigo, Pontevedra, Panxón, O Porriño, Lugo, Santiago, Ourense, A Coruña…).
Ademais, hai que destacar que continúa o importante crecemento do número de relatos escritos en galego, como xa se estaba apreciando en anos anteriores. Se o pasado ano preto dun terzo estaban escritos en galego, este ano a porcentaxe aumentouse a un 40%. Tamén mantense a igualdade en canto a xénero, pero aínda gañan os homes no número de relatos presentados.
O xurado do Certame de Relatos Vigo Histórico estivo formado pola escritora Ledicia Costas; o pintor Antón Pulido, o editor Bieito Ledo, a filóloga e mestra Concepción Varela Portela, o xornalista Jacobo Buceta; a filóloga e poeta Patricia Meira, a xornalista Noelia Otero, e o profesor e escritor Julio Alonso, colaborador de VIGOÉ. A finais de ano realizarase o acto de entrega dos premios e a presentación do libro Relatos na Rúa V (cos relatos premiados e unha ampla escolleita dentro dos presentados).